Skip to Content

Complementarias

Entroido!!

Esta semana estivemos de Entroido no cole!

Ao longo da semana seguimos os mandados do Meco, que nos foi mandando cada día unha cousiña relacionada cos proxectos que estamos a levar a cabo dende o centro educativo. 

O xoves foi o turno dos disfraces libres e de correr as comadres e o venres tivemos unha marabillosa degustación de doces de Entroido que os nenos e nenas elaboraron en colaboración coas súas familias e o noso desfile de Entroido no que non faltaron coches, camións, estradas, sinais de tráfico, policías e ata semáforos! Foi unha xornada do máis entretida!

Dende o cole queremos aproveitar para agradecer ás familias a súa colaboración ao longo desta semana! Moitísimas grazas!

Manzaneda!

Dende o luns3 ao mércores 5 os nosos nenos e nenas maiores foron a Manzaneda coa actividade ESQUIOU da Deputación de Ourense. Pena que non houbera neve, pero polo que parece os nosos nenos e nenas pasárono igual de marabilla!

En breve poderedes ollar na galería máis fotiños, mais de momento... aquí vai un pequeno adianto!

Patios inclusivos

Este curso, decidimos invertir o diñeiro de Igualdade en pintar o patio co fin de facelo un pouquiño máis inclusivo e, de paso, un pouco máis "dinámico". E non atopamos mellor forma de facelo que a través destes marabillosos xogos: un pequeno circuíto para as nosas/os motoristas, ciclistas e peóns, un Jump e unha pista de carreiras, na que o noso alumnado non para de correr!

Velaquí algunhas fotiños! 

Campo a través

Hoxe, algúns dos nenos e nenas de primaria participaron no Campo a Través en Ribadavia, no que correron con nenas e nenos doutros centros educativos da contorna. 

Aquí vos deixamos algunhas fotiños!

Xogos populares

O pasado mércores participamos no cole nunha xornada de XOGOS POPULARES impulsada dende o Centro Cultural Xoaquín Lorenzo, da Deputación de Ourense. 

Nela, Lito tróuxonos e ensinounos unha variedade de xogos populares que nos gustaron moito. Velaquí tendes algunhas fotiños!

Último día do primeiro trimestre!

O último día do primeiro trimestre foi un día especial: tivemos o noso Festival de Inverno, que compartimos coas familias e que preparamos con moita ilusión, recibimos a visita de Papá Noel que nos trouxo uns agasallos ben bonitos e festexamos Fin de Ano con 12 gusanitos que fomos comendo a medida que as badaladas ían soando, ao que seguiu un ratiño de música e baile. 

Así dá gusto despedir o trimestre!

Pista de xeo e visita ao Museo Arqueolóxico Provincial

O pasado venres, as nenas e nenos do cole viaxamos a Ourense para desfrutar dunha xornada moi productiva. 

Primeiro, visitamos o Museo Arqueolóxico Provincial, no que tivemos a sorte de poder desfrutar dunha visita guiada na que nos foron explicando todo o que alí había. Mil grazas pola vosa paciencia!

Despois, achegámonos ao centro comercial para patinar un ratiño na pista de xeo e comer todos xuntos. O certo é que é un verdadeiro gusto ver como os/as máis maiores coidan dos máis pequenos/as!

Aquí vos deixamos algunhas fotiños!

Pupas, sustos e outros disgustos

O pasado mércores o alumnado máis maior do cole participou na actividade de "Pupas, sustos e outros disgustos" nos que aprenderon moitas cousas sobre os primeiros auxilios, sobre a RCP, qué facer ante un sangrado de nariz ou ante unha ferida. 

Aquí vos deixamos algunhas fotiños das dúas horas tan interesantes das que disfrutaron os nosos nenos e nenas. No seu Blog podedes ver algunhas máis. http://www.pupas.org/2019/12/pupas-en-cenlle.html

Mil grazas ás persoas que nos acompañastes ese día!

 

O sabor da aventura está no mar!

Este martes pasado desprazámonos ata Bueu para participar na actividade: "O sabor da aventura está no mar", dentro do Aliméntate ben. Alí visitamos o mercado, onde nos explicaron moitas cousiñas sobre os peixes e o marisco que descoñeciamos, achegámonos ata o porto para descubrir de primeira man algún dos útiles empregados na pesca e visitamos a lonxa onde nos explicaron como se subastaba o pescado. 

Rematamos a xornada cun estupendo xantar mariñeiro no que o peixe foi o protagonista. 

Na galería podedes ver máis fotiños.

25 de novembro. Dia Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O pasado luns conmemoramos no cole o Día Contra a Violencia de Xénero. E para iso elaboramos un cartel entre todo o alumnado do cole, vimos vídeos relacionados e a partir deles elaboramos uns debuxos que logo foron proxectados no taboleiro dixital en 3D (tres dimensións) e traballamos sobre o conto "Vivan las uñas de colores" tras o que nos pintamos as uñas!

Distribuir contido


by Dr. Radut