Cultura e Educación leva ‘Peter Punk’ a Ames, para dinamizar a lingua galega no marco do ‘Festival de Verán’

A Consellería de Xesús Vázquez Abad colabora co Concello, pertencente á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, para achegarlle o idioma á mocidade no lecer por medio dun espectáculo de teatro de rúa e novo circo

A iniciativa ten como obxectivo visibilizar a lingua nas festas do verán e poderase gozar este venres no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a partir das 20:00 horas

Mar, 02/07/2013 - 14:01
Cultura e Educación leva ‘Peter Punk’ a Ames, para dinamizar a lingua galega no
Cultura e Educación leva ‘Peter Punk’ a Ames, para dinamizar a lingua galega no marco do ‘Festival de Verán’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria segue a fornecer os concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia da ampla oferta de actividades de lecer en lingua galega que conforma a súa programación anual. Tal é o caso da iniciativa “Peter Punk”, que chegará este venres a Ames, no marco do “Festival de Verán” que organiza este Concello, membro fundador da RDL. O secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García, presentouna esta mañá en rolda de prensa no Pazo da Peregrina, acompañado do alcalde, Santiago Amor, e mais da concelleira de Cultura, M.ª Eugenia Martín. Tamén participaron no acto os tres artistas que integran o cartel do evento, Isaac Rodríguez (“Peter Punk”), Montserrat Rivera (“Pesdelán”) e Roi Casal.

Segundo explicou García Gómez na súa intervención, “a RDL incluíu na súa programación propia para 2013 –a proposta da Área Técnica- ofrecerlles aos concellos unha actividade dirixida a potenciar a oferta de lecer en galego dirixida á mocidade para desenvolver nas festas estivais, en definitiva, achegarlles aos máis novos a lingua baixo un formato lúdico, atractivo e desenfadado que casase cos intereses propios desa idade. Iso é Peter Punk, que recorrerá 36 festas locais doutros tantos concellos da RDL ata finais do verán”.

O programa do “Festival de Verán” de Ames inclúe, ademais de “Peter Punk”, concertos de Roi Casal  e “Pésdelan”, o último deles precedido dun obradoiro de danza. O cartel completo e o calendario pódense ver no web municipal.

‘Peter Punk’ de xira pola Rede de Dinamización Lingüística

“Peter Punk” atraerá a curiosidade do público xuvenil a través dun humor adaptado á realidade da lingua e da cultura de Galicia, así como das máis variadas técnicas circenses. A actividade protagonízaa o pallaso que lle dá nome ao espectáculo -interpretado por Isaac Rodríguez- un personaxe moderno e transgresor que combina as novas tendencias coas artes circenses máis tradicionais. Malabares con lume e globoflexia marcarán os retos de “Peter Punk”, na que o enxeño lingüístico, os xogos de palabras,os risos e o humor máis retranqueiro encherán unha hora de función.

Poderase gozar no Pazo da Peregrina de Ames, en Bertamiráns, este venres (5 de xullo) ás 20:00 horas do serán no marco da inauguración do “Festival de Verán” dos Encontros Culturais no Pazo.

Xa o sábado, o espectáculo de rúa continúa a súa itinerancia por concellos da RDL con paradas en Boiro e Muros. Na primeira localidade cun pase matinal ás 12:00 horas, no Parque da Cachada, dentro do programa municipal das Festas de Verán (en caso de choiva, trasladarase á Casa da Cultura). A quenda da mocidade muradá será ás 18:00 horas, no Curro da Praza, dentro da programación do “Muros Mira ao Mar” (en caso de choiva, no Mercado Municipal).

Fomentar o idioma nas festas do verán

“Peter Punk” comezou a súa andaina polos concellos da RDL no mes de xuño, e ofrecerá ata setembro un total de 36 representacións noutros tantos concellos de toda Galicia. No primeiro mes de percorrido, o pallaso do século XXI xa fixo parada en Arteixo, Ribeira, Cuntis e A Estrada. Logo das tres funcións previstas para esta fin de semana recalará, tamén con entrada libre, en festas locais de Moaña, Foz, Fene, Arzúa, Marín, Bueu, Xinzo de Limia, Padrón, O Grove, Vilagarcía de Arousa, Baiona, Burela, Celanova, Viveiro, O Carballiño, Verín, Quiroga, Barreiros, Ortigueira, Betanzos, Noia, Vilalba, Cangas, Oleiros, Tui, Ponteareas, A Laracha, Ribadavia e O Porriño.

Toda a información sobre a iniciativa e o calendario completo xa están dispoñibles en www.xunta.es/linguagalega/peter_punk.

Menús News node R