O conselleiro de Cultura e Educación salienta o papel dos docentes e centros educativos no fomento de hábitos saudables entre o alumnado, no marco do programa da Fundación SHE

Xesús Vázquez Abad participou na presentación da experiencia para a saúde integral nas escolas, na que participaron este curso 1.813 escolares de 15 centros de ensino da cidade das Burgas

Lun, 01/07/2013 - 11:46
O conselleiro de Cultura e Educación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o importante papel dos centros educativos, dos docentes, e dos equipos directivos no fomento de hábitos saudables entre o alumnado, un traballo no fomento de hábitos saudables entre alumnado a través de iniciativas como o Programa de Saúde Integral (Programa SÍ!) da Fundación SHE, presentado hoxe en Ourense. No transcurso do acto, no que se fixo un balance do primeiro ano de aplicación desta iniciativa de 1.813 escolares de15 centros de ensino da cidade das Burgas, o conselleiro agradeceu a implicación do profesorado, “ao que hoxe coma sempre, quero agradecer o seu interese, a súa implicación e o seu esforzo. Porque sen eles e o seu compromiso, nada disto tería sido posible”.

Neste sentido incidiu na importancia de favorecer un clima saudable para na comunidade educativa. “Se os estudantes, desde ben novos, aprenden a alimentarse ben e a facer exercicio físico, medrarán sentíndose ben e de adultos conservarán eses hábitos saudables e estarán protexidos fronte a accidentes cardiovasculares - explicou-. Pola súa banda, familias e docentes veranse impelidos polas pequenas e pequenos a facer o mesmo, porque teñen ese efecto contaxio nos maiores, como ben sabemos”.

Xunto ao conselleiro participaron na presentación o alcalde de Ourense, Agustín Fernández; a asesora pedagóxica do Programa SÍ!, Isabel Carvajal; o presidente da Confederación Empresarial de Ourense – en cuxa sede se celebrou o acto-, José Manuel Pérez Canal; e mais Benjamín Vázquez, de Coren.

O Programa SÍ! É unha iniciativa do cardiólogo Valentín Fuster a través da Fundación SHE para difundir entre a sociedade hábitos de vida saudables que podan contribuír á saúde cardiovascular e á boa calidade de vida. A Consellería de Cultura e Educación forma parte das entidades que patrocinan o desenvolvemento desta iniciativas nos centros educativos, para o que foi tamén fundamental o traballo desinteresado dos docentes e das propias familias. Entre as entidades participantes, que participaron tamén hoxe no acto, están a Confederación Empresarial de Ourense, o Concello de Ourense, a Agrupación de Libreiros de Ourense, e empresas como Autos González, Caldaria, Cefiasa-Adams, Coren, Cuevas, Grupo Terras Gauda, La Región, Seur e Telemiño.

Ámbitos de actuación

O programa trata de incidir sobre catro ámbitos, nomeadamente o ambiente escolar, os docentes, as familias e as alumnas e alumnos. O obxectivo é que adquiran hábitos de alimentación e de actividade física saudables, ao tempo que coñecen o funcionamento do corpo humano. Así mesmo procúrase a concienciación e fomentar a responsabilidade social diante de problemas como as adiccións e o consumo de drogas

Para iso o programa contempla reunións cos equipos directivos e cos docentes dos centros educativos co fin de conciencialos da importancia da súa contribución como formadores a que os máis novos desenvolvan costumes e condutas saudables. Ademais, ponse á súa disposición material e información sobre ferramentas e metodoloxía para impartir o programa na aula; así como para implicar ás familias nesta tarefa, na que xogan un papel imprescindible.

Ao longo do desenvolvemento do programa as alumnas e alumnos traballan con materiais diferenciados en función da etapa educativa da que se trata, ademais de participaren en iniciativas como a desta andaina celebrada hoxe en Ourense, da que puideron tomar parte xunto coas súas familias.