Un total de 115 bibliotecas escolares contarán o próximo curso con lectores electrónicos grazas ao apoio da Consellería de Cultura e Educación

O departamento educativo da Xunta de Galicia vén de reforzar o proxecto “E-Lectores nas bibliotecas escolares (E-LBE)”, posto en marcha o pasado novembro, e ao que se incorporarán 90 centros máis

Para a selección dos centros deuse prioridade aos centros instalados en zonas rurais, procurando unha distribución por todo o territorio galego

Deste xeito, no marco do Plan LÍA, a consellería dá un novo impulso ás bibliotecas dos centros como espazos para o coñecemento,a información, a lectura e o lecer

Continúa aberto, ata este sábado 29 de xuño, o prazo para que os centros soliciten incorporarse ao Plan de Mellora de Bibliotecas escolares, que chegará o vindeiro curso a 524 centros de ensino, 300 máis das que había ao inicio da lexislatura

Xov, 27/06/2013 - 15:20
 Un total de 115 bibliotecas escolares contarán o próximo curso con lectores ele
Un total de 115 bibliotecas escolares contarán o próximo curso con lectores electrónicos grazas ao apoio da Consellería de Cultura e Educación

Un total de 115 bibliotecas escolares contarán o próximo curso con lectores electrónicos grazas ao apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que fai un novo esforzo para ampliar o proxecto ‘E-Lectores nas bibliotecas escolares’ (E-LBE), posto en marcha o pasado mes de novembro. Así, ademais dos 25 centros que xa recibiron os dispositivos, o departamento educativo da Xunta de Galicia achegará aos centros de ensino recursos para a adquisición de e-lectores, co fin de continuar reforzando a competencia lectora en formato dixital, enmarcada na estratexia posta en marcha polo actual Goberno galego para o fomento da lectura a través das bibliotecas escolares, o Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe). O obxectivo é apoiar aos centros educativos diante das transformación que se están a producir na forma de presentar os textos, en boa medida relacionadas coas novas tecnoloxías.

Para a selección dos centros valorouse especialmente o compromiso da comunidade educativa coa biblioteca como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, de acordo coa memoria presentada no curso 2011/2012 – ou co proxecto presentado para a súa incorporación no PLAMBE -. Así mesmo, darase prioridade aos centros instalados en zonas rurais, procurando unha distribución por todo o territorio galego.

Este proxecto é unha oportunidade para que o alumnado teña acceso a estes recursos electrónicos, aínda en pleno desenvolvemento, e as diferentes experiencias lectoras que ofrecen. Do mesmo xeito, o profesorado poderá familiarizarse cos E-lectores e afondar nas súas posibilidades para o traballo na clase, para o préstamo e para o fomento do hábito lector entre os estudantes. A participación nesta iniciativa conleva o compromiso de colaboración coa Consellería á hora de valorar as posibilidades dos lectores electrónicos nas bibliotecas escolares.

Reforzo do PLAMBE

Este novo impulso ás bibliotecas súmase á nova convocatoria feita pola Consellería para os centros que desexen incorporarse ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que chegará o vindeiro curso a 524 centros de ensino, 300 máis das que había ao inicio da lexislatura.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata este sábado 29 de xuño. A incorporación dos colexios e institutos a este plan supón un apoio extra por parte da Administración educativa para a actualización dos fondo bibliotecarios, a renovación do mobiliario e doutros equipamentos necesarios para a prestación dos servizos da biblioteca.

Deste xeito, e a pesar da crise, a Consellería mantén o reforzo das bibliotecas como espazos para a alfabetización informacional e a formación lectora do alumnado e mesmo das súas familias, a través do Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe. Este plan, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,  logrou converter aos centros de ensino galegos en referentes a nivel nacional, recoñecidos con diversos premios ás súas boas prácticas.