O programa Ben falado! regresa á grella da Televisión de Galicia con novos capítulos arredor da lingua galega

Este espazo divulgativo que promove e financia a Secretaría Xeral de Política Lingüística retomará a súa emisión o próximo luns

Mar, 01/06/2010 - 14:50
Ben falado!
De esquerda a dereita, Xesús Ferro, director e presentador do programa; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística; e Rosa María Vilas, directora-xerente da Televisión de Galicia.

A Televisión de Galicia inicia o día 7 deste mes unha nova tempada do Ben falado!, o microespazo sobre lingua galega que promove e financia a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O responsable deste departamento, Anxo Lorenzo; a directora-xerente da canle pública, Rosa María Vilas; e mais o director e presentador do programa, Xesús Ferro, presentaron hoxe os novos capítulos deste programa divulgativo que busca achegar o galego á sociedade de forma áxil e amena.
Con preto de 250 capítulos xa emitidos, Ben falado! é un programa onde o telespectador ten a oportunidade de acceder a moitos e diversos contidos sobre a lingua galega, como explicacións sobre toponimia e antroponimia, curiosidades léxicas, gramaticais e ortográficas ou o sentido de ditos e refráns. Ao mesmo tempo, este microespazo busca reflectir como se move a lingua galega na sociedade, polo que se adentra nos institutos, nos movementos xuvenís, no sector empresarial ou no ámbito das novas tecnoloxías.
Os novos capítulos do Ben falado!, un total de 230, cunha duración de catro minutos cada un, emitiranse de luns a venres na Televisión de Galicia a partir das 15:30 horas.

Novidades

Mantendo o formato da anterior tempada, o programa introduce dúas novidades principais, para situar a estrutura da lingua galega no contexto románico e para entender o seu proceso de normalización no contexto de ecoloxía lingüística internacional. Nesta liña, o Ben falado! contará cunha nova sección, que se desenvolverá unha vez ao mes, centrada no proceso evolutivo do latín ao galego. Por outra banda, e tamén con carácter mensual, realizarase un noticiario sobre ecoloxía lingüística, un movemento que “envolve o planeta enteiro”, segundo indicou Xesús Ferro, e grazas ao que se lles está a abrir o camiño, a través das novas tecnoloxías, a moitas linguas que nunca tiveron tradición escrita”.

Durante a súa intervención, o investigador do Centro Ramón Piñeiro e académico da lingua galega tamén incidiu en que “o galego é un dos patrimonios máis antigos da nosa terra” e recordou que, se hoxe hai moita xente nova que canta temas en inglés, na Idade Media, a mocidade da Península Ibérica cantaba os seus amores e desamores en lingua galega”. “E isto –engadiu– debe ser un motivo de orgullo”. Finalmente, o presentador do Ben falado! destacou que a Televisión de Galicia “é unha das cousas máis fermosas que lle aconteceu á lingua galega nos últimos mil anos” e que o mérito do programa é “a lingua galega en si mesma”.

Pola súa parte a directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa María Vilas, expresou o “orgullo e satisfacción” por poder presentar unha nova tempada do Ben falado!, que se emitirá nunha franxa “considerada estelar”, xusto despois dos informativos do mediodía, que son “líderes de audiencia na súa franxa”. Ao mesmo tempo, salientou a importancia de que o Ben falado! conxugue “dous patrimonios tan importantes da comunidade galega”, como son a súa lingua e mais a Televisión de Galicia.

Xerar interese arredor da lingua galega

A través desta iniciativa, –indicou Anxo Lorenzo– a Secretaría Xeral de Política Lingüística “busca fomentar a presenza de espazos sobre lingua galega nun ámbito estratéxico como os medios de comunicación, a través de programas de calidade que, ao mesmo tempo, sexan amenos e esperten o interese dos telespectadores polo noso idioma”. Ao mesmo tempo, preténdese promover “unha visión moderna e útil da lingua galega e xerar interese arredor dela”.

Menús News node R