‘Rosalía Pequeniña’ chega a Ponteceso e Xunqueira de Espadanedo, da man de Cultura e Educación

A poesía rosaliana interpretada por Uxía e Sérgio Tannus conmemora os 150 anos da publicación de ‘Cantares gallegos’ en concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

A iniciativa forma parte do programa ‘FalaRedes 2013’’

Xov, 20/06/2013 - 14:15
‘Rosalía Pequeniña’ chega a Ponteceso e Xunqueira de Espadanedo, da man de Cultu
‘Rosalía Pequeniña’ chega a Ponteceso e Xunqueira de Espadanedo, da man de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a celebrar a efeméride dos 150 anos da publicación de ´”Cantares gallegos” en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia co concerto familiar “Rosalía Pequeniña”. A iniciativa forma parte do programa de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”, destinado a impulsar o idioma no tempo de lecer por medio de actividades para todos os públicos.

En “Rosalía Pequeniña” a coñecida Uxía e mais o compositor brasileiro Sérgio Tannus ofrecen en concerto un repertorio rosaliano adaptado aos ritmos máis actuais de muiñeira, rock ou blues. Nel, a xente miúda da casa acompañada pola familia será a anfitrioa da actividade, que mestura literatura e música para achegar de maneira lúdica o idioma propio de Galicia por medio de cancións.

O espectáculo musical, que renova os versos máis versionados de Rosalía de Castro, como “Maio Longo” ou “Como chove miudiño”, chegará esta semana a dúas localidades da RDL. Este serán poderase gozar en Ponteceso a primeira das actuacións, que terá lugar na Biblioteca Municipal ás 19:00 horas. O domingo será a quenda de Xunqueira de Espadanedo, no salón de actos do Concello nos claustros do mosteiro ás 19:00 horas.

Este espectáculo, ao igual que todas as actividades de “FalaRedes 2013” é de balde. Ata final de ano, “Rosalía Pequeniña” chegará a 40 municipios da RDL.

‘FalaRedes 2013’

O exitoso programa de dinamización lingüística “FalaRedes” desenvolve este ano a súa segunda edición polos concellos da RDL cunha ampla oferta de actividades postas en marcha no mes de abril. Deste xeito, compleméntanse as iniciativas de promoción do idioma contempladas na programación anual da RDL para o ano en curso, con actividades como “Espello Deportivo”, que promoveu o uso do galego no deporte en 35 localidades, ou “Peter Punk”, o espectáculo de novo circo que dinamizará a lingua no marco das festas do verán de 36 municipios.

“FalaRedes 2013” pretende crear espazos de uso e de aprendizaxe en galego ligados ao lecer e á cultura máis actual para unir a imaxe da lingua galega aos valores positivos da sociedade moderna. O obxectivo último é reforzar o uso do galego entre  galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia e espazos interactivos en galego aos nenos e mozos de orixe castelanófona.

Nesta edición, o programa de dinamización conta con cinco actividades que desenvolverán máis de 100 actuacións por diferentes concellos. Ademais de “Rosalía Pequeniña”, o espectáculo musical “A nena e o grilo nun barquiño” achegoulle o lecer e a música en galego ás veciñanzas de 18 municipios da RDL, da man de Magín Blanco e do Teatro dos Ghazafelhos.

O espectáculo teatral “As pombas de Carboeiro”, co que se pretende dinamizar o uso do galego entre a mocidade levando a lingua ao terreo da súa afección musical, volverá en outubro. Neste tempo, as bandas de música de cada concello, formadas na súa maioría por xente nova, ensaiarán as pezas coas que deberán acompañar despois a dramaturxia de Fantoches Baj.

Nos vindeiros días botará a andar unha nova proposta infantil no marco de “FalaRedes 2013”, “Augalingua”, que chegará a 16 concellos da RDL para ofrecer xogos acuáticos centrados nas palabras, na rapidez e na habilidade en piscinas municipais.

Toda a información sobre o programa dinamizador está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.