‘Peter Punk’ e ‘FalaRedes 2013’ chegan a Mos, Avión e Cuntis esta semana, da man de Cultura e Educación

O novo circo e a música promoven o uso do idioma propio de Galicia no lecer nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Xov, 13/06/2013 - 16:39
‘Peter Punk’ e ‘FalaRedes 2013’ chegan a Mos, Avión e Cuntis esta semana, da man
‘Peter Punk’ e ‘FalaRedes 2013’ chegan a Mos, Avión e Cuntis esta semana, da man de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria segue a despregar unha ampla oferta de actividades de lecer en colaboración cos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, a través dos programas “Peter Punk” e “FalaRedes 2013”. Desde hoxe e durante a fin de semana a lingua galega fará parada nos municipios de Mos, Avión e Cuntis por medio de espectáculos de formato musical e novo circo que completan as programacións municipais festivas.

“Rosalía Pequeniña”, a iniciativa musical coa que o departamento dirixido polo conselleiro Xesús Vázquez quere facer partícipes aos concellos da RDL da celebración do Ano Rosaliano, con motivo do 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”, chega hoxe a Mos no marco de “FalaRedes 2013”. A través dela, o día grande da Festa da Rosa contará con Uxía e Sérgio Tannus en concerto, para interpretaren diante da xente miúda da casa e das súas familias os poemas máis emblemáticos de Rosalía de Castro combinando ritmos de muiñeira, rock e blues coas letras de “Maio longo” ou “Como chove miudiño”.

O espectáculo musical, que conta cun repertorio de 11 pezas -do que se pode escoitar unha mostra aquí www.xunta.es/linguagalega/arquivos/A_grasia_non_era_moita.wma- poderase gozar de balde esta tarde no auditorio do Edificio Multiúsos, ás 18:00 horas.

‘A nena e o grilo nun barquiño’ conclúe a súa xira pola RDL

Outra das actividades que integran a oferta de lecer contemplada en “FalaRedes 2013” é o musical “A nena e o grilo nun barquiño” que, logo de dinamizar o galego a través da música en directo e do teatro nun total de 18 municipios, conclúe pasado mañá a súa xira pola RDL.

Da man do creador Magín Blanco e das súas 13 pezas orixinais, os protagonistas da historia –a nena e mais o grilo-, entrarán no mundo das aventuras, descubrindo o seu mundo interior a través da ledicia e da música nunha aposta pluridisciplinar na que a música funciona como fonte de transmisión da lingua galega para achegala ao terreo dos afectos e promover que as cancións non só queden no teatro, senón que se poidan seguir cantando incluso despois de que caia o pano.

O espectáculo familiar, que conta con seis músicos en directo e a acción dramática do “Teatro dos Ghazafelhos”, conclúe a súa xira este sábado en Avión, cunha función ás 18:00 horas no CEIP Virxe de Guadalupe. Con esta representación, o musical pechará un intenso periplo polos concellos da RDL –desde o mes de abril- que incluíu Carral, Ponte Caldelas, Outeiro de Rei, Cee, Ribadumia, Outes, Rois, Zas, Oroso, O Barco de Valdeorras, Vilaboa, Bueu, A Porqueira, Santiago de Compostela, Vila de Cruces, Piñor e Abegondo.

Toda a información sobre “FalaRedes 2013” está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.

‘Peter Punk’ dinamizará a lingua nas festas do verán

A última das actividades que esta fin de semana encherán o lecer de galego é o espectáculo de novo circo “Peter Punk”. Esta aposta responde a unha das accións que a RDL contemplou na súa planificación para o ano 2013 coa finalidade de poñer en marcha unha acción de promoción do uso do idioma dirixida á mocidade, no marco das festas locais dos concellos da RDL.

Trátase dun espectáculo dinámico orientado ao público xuvenil que percorrerá Galicia  durante a época estival combinando as máis variadas técnicas circenses cun humor adaptado á realidade e á lingua galegas, cuns diálogos e números pensados especialmente para presentar o idioma de Galicia como parte esencial da vida cotiá dos galegos.

Durante 60 trepidantes minutos, o protagonista do espectáculo de rúa amosará a súa destreza con bólas, mazas, aros... fará incribles figuras de globoflexia nun tempo récord e, como peche, porá en perigo a súa vida nun final con fachos de lume. Todo isto co humor como elemento condutor e  cunha sorpresa final inesquecible.

A única representación que ofrecerá este pallaso do século XXI esta semana será o sábado en Cuntis ás 16:30 horas na Carballeira de Troáns, no marco da Festa da Historia. A entrada tamén será de balde e, no caso de choiva, a proposta trasladarase ao Centro Social de Troáns.

Toda a información sobre “Peter Punk” e a súa itinerancia polas festas locais estivais da RDL xa se poden consultar en http://www.xunta.es/linguagalega/peter_punk.

Menús News node R