A XIV Convivencia de Educación Infantil promove o galego entre 700 escolares ourensáns a través de diversas actividades

O secretario xeral de Política Lingüística compartiu hoxe esta iniciativa cos nenos e nenas, que proceden dun total de 21 centros educativos

Xov, 27/05/2010 - 17:08
XIV Convivencia de Educación Infantil
XIV Convivencia de Educación Infantil

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asistiu hoxe á XIV Convivencia de Educación Infantil Cholo e Nela e o rumor da fraga, que se desenvolverá ata primeira hora da tarde no CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras. Na iniciativa participan 700 nenos e nenas de educación infantil procedentes dun total de 21 centros da provincia ourensá, que estarán acompañados por uns 500 adultos, entre pais, nais e profesorado.

O programa desta décimo cuarta edición inclúe diversas iniciativas, como xogos, obradoiros, exhibicións e experimentos, entre outras, nas que tamén terán unha importante presenza as composicións musicais. Despois do xantar, levarase a cabo unha actuación fin de festa a cargo dun grupo de animación.

O fomento do uso do galego entre os máis novos

A través de todas estas iniciativas, Cholo e Nela, as mascotas da convivencia, promoven o uso da lingua galega entre as franxas de idade máis novas, que son unha prioridade para Política Lingüística na planificación da súa actividade de dinamización social da lingua. Neste sentido, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo colabora con esta experiencia singular no territorio galego, de grande impacto educativo e cultural, á fronte da que se encontra un grupo de mestres da provincia de Ourense.

Menús News node R