O Parlamento aproba a Lei do Sistema Universitario de Galicia

Culmina así o trámite deste texto, unha aposta da Consellería de Cultura e Educación e Ordenación Universitaria pola Universidade como motor de desenvolvemento da sociedade galega

Mar, 11/06/2013 - 17:47
 O Parlamento aproba a Lei do Sistema Universitario de Galicia
O Parlamento aproba a Lei do Sistema Universitario de Galicia

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei do Sistema Universitario de Galicia (SUG), un texto co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria busca reforzar a Universidade no seu papel como motor de desenvolvemento da sociedade galega. Desta forma culmina o trámite deste texto, que entrará en vigor tras a súa publicación – nos vindeiros días- no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Este texto vén dar resposta ademais á necesidade de constituír un marco legal integrador para o SUG, pechando o desenvolvemento normativo iniciado co Decreto de titulacións e o Plan de financiamento do SUG, ambos os textos elaborados pola Consellería na pasada lexislatura.

Así, a nova norma substituirá a anterior Lei 11/1989 tras máis de 20 anos en vigor, período no que o SUG integrouse de cheo no Espazo Europeo de Educación Superior. O texto actualiza e simplifica a lexislación sobre o ensino universitario en Galicia, dado que refunde a normativa existente, actualmente dispersa, derroga catro leis e actualiza a regulación adaptándoa ás necesidades actuais,  establecendo as liñas xerais de actuación para unha universidade competitiva baseada nos principios de eficiencia, eficacia, descentralización, colaboración, mobilidade e coordinación.

O SUG do futuro

A Lei aprobada hoxe senta as bases do SUG sobre os principios da racionalidade e a eficiencia, procurando unha estrutura adecuada ás necesidades socioeconómicas de Galicia e ás exixencias que supón a plena integración do noso sistema universitario no Espazo Europeo de Educación Superior.

Para isto, promóvese a posta en valor ao máximo nivel internacional das universidades galegas, para o cal se fomenta a cooperación e a mobilidade interuniversitaria. Así mesmo, favorécese a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores e refórzase a función investigadora.

Tamén, coa mirada posta no futuro e na oportunidade que supoñen as ensinanzas non presenciais, especialmente para a formación das persoas ao longo da vida, a nova lei regula por primeira vez as ensinanzas universitarias non presenciais. Neste sentido, establece ademais que a Xunta promoverá a súa impartición por parte das universidades do SUG co obxectivo de favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e a igualdade de acceso aos estudos superiores universitarios.

Ademais, como novidade, o texto amplía o concepto de distrito único, ata o de agora efectivo nos graos, aos estudos de máster, para os efectos do ingreso do alumnado.

Racionalización e eficiencia

De acordo cos ditos principios, o novo texto aposta pola racionalización da oferta docente de titulacións e pola mellora das estruturas administrativas, e recolle a necesidade de que a organización e actividade das universidades responda aos principios de eficacia, eficiencia no gasto, xerarquía, desconcentración, descentralización, coordinación e colaboración. Así, cada campus contará coa dotación de persoal en función das súas necesidades.

Entre os puntos máis significativos da lei está a creación e o recoñecemento de novas universidades e centros no SUG. Así, se prevé que as universidades, tanto públicas como privadas, deberán contar con campus integrados coas estruturas precisas para a organización e o desenvolvemento de ensinanzas conducentes, como mínimo, á obtención de oito títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional. Destes oito cómpre que polo menos catro sexan graos universitarios e dous sexan programas de doutoramento en dúas ramas do coñecemento.

Mobilidade no SUG

Outro dos puntos reflectidos na lei é a promoción de medidas para obter unha política homoxénea sobre o seu persoal. Estas e a Xunta facilitarán e fomentarán a mobilidade do persoal docente e investigador a través de concursos de traslados.

Ademais, as universidades establecerán canles de colaboración e coordinación que permitan un óptimo aproveitamento dos recursos humanos do SUG. Con esta finalidade, formalizarán convenios de colaboración para que o seu persoal poida desprazarse temporalmente ou con dedicación parcial a centros fóra da súa universidade.

Cohesión económica e social

O texto incide no papel das universidades como institucións indispensables para lograr a cohesión económica e social, e medio de redución de desigualdades. Para iso enténdese que a formación que ofrecen debe dar resposta ás necesidades relacionadas coa formación permanente e atender a estas demandas, adaptándose ás novas necesidades sociais. Así a lei recolle a política de bolsas e axudas concibida como instrumento para facilitar o acceso do estudantado que, cumprindo cos niveis académicos, necesite destas axudas financeiras para lograr culminar os seus estudos universitarios e, por outra banda, o fomento de medidas de formación continua que as universidades activarán para acadar maiores niveis formativos.

Coa nova lei darase un paso máis desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de cara ao desenvolvemento normativo no eido universitario. Cómpre destacar que o texto foi consensuado con todos os axentes implicados directamente no eido do ensino universitario de Galicia.