A Xunta de Galicia participa en Bilbao na asamblea xeral da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística

A Administración autonómica galega forma parte desta rede europea desde a súa fundación, no ano 2008, canda a gobernos, institucións e asociacións da Bretaña, Frisia, Finlandia, Cataluña, O País Vasco, Gales, Escocia, Estonia, Córsega ou Irlanda

Á xuntanza foi o secretario xeral de Política Lingüística, no marco dunha viaxe institucional na que tamén mantivo senllos encontros cos responsables dos dous centros de estudos galegos cos que conta a Consellería de Cultura e Educación en Euskadi

Ven, 07/06/2013 - 19:20
 A Xunta de Galicia participa en Bilbao na asamblea xeral da Rede Europea para a
A Xunta de Galicia participa en Bilbao na asamblea xeral da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participou onte na asamblea xeral da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística (en inglés, Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD). A este encontro, que se celebrou en Bilbao, asistiron tamén case unha vintena de representantes doutras linguas europeas (catalán, occitano, escocés, irlandés, éuscaro, córnico, bretón, frisón, galés, estoniano, finés, sueco, lituano, corso e saami).

Renovación dos cargos de dirección e aprobación de novas liñas de traballo da NPLD

Os membros da NPLD abordaron nesa xuntanza numerosos temas de xestión do organismo, entre eles a renovación de dous dos tres cargos que integran o seu comité de dirección. Así, asumirán as vicepresidencias da NPLD durante os vindeiros dous anos Peggy Heikkinen e Dori López (representantes de Svenska Finlands Folkting e do Goberno de Navarra-Euskarabidea, respectivamente).

Outros asuntos a tratar foron o estudo dos informes relativos aos proxectos que a NPLD está a desenvolver -nos que participa a Xunta de Galicia- e mais a aprobación do programa de traballo e orzamentos para os anos 2014-2015, nos que a NPLD contará con fondos da Comisión Europea.

Network to Promote Linguistic Diversity

NPLD é unha rede paneuropea, fundada en 2008, que acolle a representantes gobernativos e asociativos de linguas constitucionais, rexionais, minoritarias e de pequenos Estados de Europa e que constitúe a máis importante organización europea que, de forma estable e continuada, se dedica á promoción social e ao ensino destas linguas.

A principal meta desta plataforma organizativa é  crear un ámbito no que o multilingüismo, a diversidade lingüística e a aprendizaxe das linguas minoritarias se promovan activamente en todas as franxas de idade, xa que 50 millóns de cidadáns da UE, o 10% da poboación, fala estas linguas.

No marco da NPLD, os gobernos estatais da Unión Europea, os gobernos autónomos, entidades culturais e os centros de referencia ou asociacións do ámbito da promoción da pluralidade lingüística que participan nela, impulsan diversos proxectos. Entre eles destacan aqueles que redundan na posta en valor e a importancia das linguas nos ámbitos da economía ou da emigración, como elementos de cohesión social e valores positivos.

A Xunta de Galicia acolleu, en marzo de 2012, unha xuntanza da comisión executiva da NPLD, que se celebrou na Cidade da Cultura e que presidiu o conselleiro Xesús Vázquez Abad.

Aprender galego en Euskadi

A axenda de actos oficiais de García Gómez en Euskadi, incluíu cadansúa xuntanza cos directores e profesores lectores dos centros de estudos galegos das universidades do País Vasco (UPV) e de Deusto (Iñaki Bazán e Rocío Dourado e mais M.ª Luz Suárez e Paulo Martínez, respectivamente).

O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Deusto creouse no ano 1991 e o da Universidade do País Vasco en 1999. Ambos os dous contan con lectorado de lingua, literatura e cultura galegas e están integrados na Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, a través da cal se ensina e se proxecta internacionalmente a nosa lingua e cultura propias en 37 universidades do exterior coas que convenia a Consellería de Cultura e Educación.