A Consellería de Educación optará pola mínima subida nos prezos das matrículas universitarias, tralo acordado en Madrid

O ditame, acadado na Conferencia General de Política Universitaria, impide á Xunta levar a cabo a súa proposta de conxelación dos prezos para os universitarios por segundo ano consecutivo

Mér, 26/05/2010 - 15:45

Tras o acordo adoptado onte pola Conferencia General de Política Universitaria (CGPU), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terá que subir os prezos das matrículas universitarias. A Xunta farao cun incremento do 1,5%, o mínimo acordado na reunión celebrada en Madrid, o que lle impedirá cumprir co seu propósito de conxelalas por segundo ano consecutivo.

Para o vindeiro curso universitario a CGPU- na que están representadas todas as comunidades autónomas e o goberno central- acordou na reunión de onte que as CCAA deberán actualizar as taxas da primeira matrícula que paguen os alumnos e alumnas das universidade públicas polos graos oficiais, nunha variación comprendida entre o 1,5% e o 5,5%.

Esta variación foi presentada polo ministro de Educación, Ángel Gabilondo, e como todos os anos é equivalente no seu límite inferior á variación do índice de prezos ao consumo entre o 30 de abril de 2009 e o mesmo día e mes deste ano, e no limite superior é de catro puntos máis.

A proposta da Administración galega

Ao non poder levar a cabo a súa iniciativa de conxelación a Administración galega acollerase ao mínimo incremento posible, o que volve a demostrar o compromiso existente desde a Consellería de Educación coa formación do alumnado. A Consellería quería, coa súa iniciativa dar un paso máis para evitar que os estudantes galegos teñan que deixar a un lado a súa formación como consecuencia do impacto da crise económica.

A proposta, truncada onte polo Goberno Central, era coñecida polas universidades galegas desde o 14 de maio. Nesta data, e ao longo do encontro celebrado en Ourense por mor do Consello Galego de Universidades, todos os presentes foron informados da intención de presentar a proposta de volver a conxelar as taxas, mostrando unha vez máis o seu compromiso coas políticas sociais, apostando, en concreto, por medidas que potencien a equidade, garantindo a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino universitario.

A Consellería de Educación lembra que, a pesares deste duro revés no ámbito universitario, seguirase traballando para dar os mellores servizos educativos aos estudantes galegos. Cómpre recordar que grazas aos esforzos desenvolvidos pola Administración galega as alumnas e alumnos universitarios galegos están entre os que menos pagan de matrícula no ámbito estatal, sendo no presente curso a cuarta comunidade cos prezos máis baixos.

Por outra banda no mesmo encontro a Consellería logrou que se aprobaran 400 prazas de novo ingreso no grao de Medicina ofertado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) para o curso 2010/2011.