A Conferencia de Universidades aproba a proposta da Consellería de Educación de dar 400 prazas de novo ingreso para Medicina na Universidade de Santiago de Compostela

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, representou á Consellería no encontro celebrado hoxe en Madrid

Mar, 25/05/2010 - 13:52

A proposta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de ter 400 prazas de novo ingreso no grao de Medicina ofertado pola Universidade de Santiago de Compostela foi aprobado hoxe pola mañá na Conferencia de Universidades, celebrada en Madrid. En dito encontro o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro deu conta da proposta da Administración galega de ampliar o número de postos para os novos estudantes, ofertando así 50 máis que o pasado curso.

As universidades galegas xa coñecían a intención de ampliar o número de prazas xa que a proposta foi presentada pola Consellería no Consello Galego de Universidades (CGU) realizado o pasado 14 de maio en Ourense.

Cumprimento dos acordos

Deste xeito, a Xunta de Galicia busca dar cumprimento a dous acordos previos. Por unha banda, o acordo unánime do Parlamento de Galicia, acadado o pasado mes de decembro por todos os grupos políticos. Por outra, á proposta feita en abril de 2008 polo anterior goberno da Xunta para o número de prazas no quinquenio 2008-2013.

En base a estes antecedentes, Educación propuso na encontro CGU elevar á Conferencia General de Política Universitaria unha proposta na que a oferta de prazas de novo ingreso para o grao en Medicina da Comunidade Autónoma galega no curso 2010-2011 alcance as 400.

Deste xeito, a Consellería de Educación dá resposta ao acordo unánime do pasado mes de decembro, no que o Parlamento de Galicia instaba á Xunta para que ampliase “o número de prazas a 400 para o curso 2010/2011 e a posibilidade de seguir ampliando segundo o estudo de necesidades e previsións do Goberno central e da Comunidade Autónoma”. Con este compromiso, a administración galega dá un paso máis para a cobertura das necesidades de profesionais da Medicina nos centros sanitarios galegos para os vindeiros anos.