O conselleiro de Cultura e Educación salienta na proxección de Máscaras a aposta do seu departamento por unha sociedade integradora na que cada individuo desenvolva ao máximo as súas capacidades

Xesús Vázquez Abad asistiu hoxe á proxección da película de Iago González Iglesias, que narra a historia de dous grupos de persoas cons discapacidades que, sen experiencia previa, aproveitaron cadansúa competencia para rodar unha curtametraxe
Mar, 21/05/2013 - 17:52
Máscaras
Máscaras

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a aposta que o departamento que dirixe está a facer por “ir máis alá da visión fragmentaria, pois sabemos que o futuro está no traballo colectivo, na equidade e no respecto integrador das individualidades”. Fíxoo na presentación previa á proxección diante da comunidade educativa da película Máscaras. A historia dun reto, filme que sinalou como testemuño de que unha boa organización, na que cada individuo ocupe o seu espazo e despregue as súas capacidades, multiplica a utilidade e a proxección do conxunto”.

Neste sentido, Xesús Vázquez explicou o interese da Consellería neste modelo, “que aposta pola valía das persoas, e que soamente actúa para permitir que cada unha desenvolva a súa función, se estenda e se normalice”. “Pretendemos - engadiu- que os nosos modelos culturais e educativos xiren cara á materialización desta potencia, coa que creo que temos a garantía de superar os obstáculos para por de relevo as eivas dun sistema do que todas e todos formamos parte”. Deste xeito o conselleiro felicitou ao director do filme, Iago González Iglesias, así como a todo o equipo que permitiu materializalo.

Máscaras. A historia dun reto, narra  historia de dous grupos de persoas que, sen experiencia previa, aproveitaron cadansúa competencia para rodar unha curtametraxe de amor e intriga, Calcetine(s). Os participantes, membros de Aspronaga, enriqueceron o proxecto con cadansúas achegas no marco dun proceso de creación-aprendizaxe que contribuíu a dar visibilidade ás persoas con discapacidade, ao tempo que se recollían realidades que non teñen habitualmente cabida nos circuítos comerciais. A presentación desta experiencia diante da comunidade educativa pretende fomentar un ensino inclusivo e a educación para a valoración da diversidade, defendidos pola Consellería como factores fundamentais para o avance da sociedade.