Política Lingüística e a Fundación Vicente Risco impulsan a divulgación, o estudo e a preservación da obra de Vicente e Antón Risco

Anxo Lorenzo visitou hoxe a fundación, que organizará numerosas actividades durante este ano no marco do convenio asinado entre as dúas entidades

Lun, 24/05/2010 - 19:05
Luís Martinez-Risco Daviña e Anxo Lorenzo, nas depedencias da fundación.
Luís Martinez-Risco Daviña e Anxo Lorenzo, nas depedencias da fundación.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitou hoxe a Fundación Vicente Risco, en Allariz, onde foi recibido polo secretario desta entidade, Luís Martínez-Risco Daviña.

A secretaría xeral e a fundación veñen de asinar un convenio de colaboración co fin de promover a divulgación, o estudo e a preservación da obra de Vicente e Antón Risco. Mediante a sinatura deste convenio, a Fundación Vicente Risco levará a cabo durante este ano numerosas iniciativas. Por unha banda, a realización de encontros, como a homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos, e a posta en marcha de cursos sobre os ámbitos do dereito, da arquitectura ou da xeografía, centrados en temas como a vivenda nos núcleos tradicionais de poboación ou a protección xurídica do patrimonio cultural.

Outra das liñas que se contempla no convenio é a artística, a través do ciclo de cine Os mundos de Vicente Risco –co gallo do octoxésimo aniversario da viaxe de Vicente Risco a Alemaña–, dunha exposición sobre Antonio Faílde e a escultura contemporánea galega e mais de Ourense perdurábel, unha mostra histórico-artística permanente nas rúas, entre outras.

Grazas á colaboración entre a fundación e a secretaría xeral tamén se organizarán as exposicións Vicente Risco na súa obra. Dez gravados de Conde Corbal, Europa en Vicente Risco e mais Arquitectura sen arquitectos. A arquitectura anónima a través dos traballos de Vicente Risco.

Publicacións como Dédalus en Compostela, a organización de diversos premios e o labor de catalogación, rexistro e dixitalización de fondos documentais históricos complementan as iniciativas previstas no marco do convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Fundación Vicente Risco.

A colaboración con entidades sociais para promover a lingua galega

Co fin de promover o uso da lingua galega desde unha perspectiva transversal e da implicación dos axentes sociais, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo mantén unha colaboración permanente con entidades de diferentes ámbitos, a través, coma neste caso, de convenios que contribúen ao desenvolvemento das súas iniciativas máis senlleiras.

Menús News node R

Departamento

Colectivo