O conselleiro Vázquez Abad participa no encontro do exitoso programa ‘Espello Deportivo’ no Carballiño

O programa de promoción do uso do galego no deporte impulsado desde a Rede de Dinamización Lingüística fai parada estes días na provincia ourensá

Sofía Toro, Chano Rodríguez e Juan Antonio Saavedra achéganse á mocidade deportista no marco desta iniciativa que coordina a Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coas deputacións da Coruña e de Ourense

Mér, 08/05/2013 - 20:10
Sofía Toro Regatista  A Coruña, 1990
Sofía Toro Regatista A Coruña, 1990

O titular de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou este serán no encontro de “Espello Deportivo” celebrado no Carballiño, un programa do que o conselleiro valorou o éxito que está a ter entre os máis novos. A iniciativa, coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover o galego como valor identitario do deporte galego no marco da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, chega estes días á provincia de Ourense grazas á colaboración interinstitucional entre a Administración autonómica e a Deputación provincial.

Vázquez Abad acudiu á cita coa regatista Sofía Toro e o nadador Chano Rodríguez na Casa da Cultura da localidade carballiñesa. Fíxoo acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e mais do rexedor municipal, Argimiro Marnotes. No encontro participou tamén un bo número de deportistas novos que tivo oportunidade de coñecer de primeira man a traxectoria da medallista olímpica e a súa relación coa lingua galega. Na actividade, conducida polo actor Rubén Riós, proxectouse un pequeno vídeo coa experiencia vital da deportista que lle deu paso a unha dinámica interacción do auditorio coa regatista.

Promover o galego desde o campo de xogo

“Espello Deportivo” é unha iniciativa que pretende ligar os valores positivos do mundo deportivo co uso e coa transmisión da lingua galega. A través de encontros con tres medallistas olímpicos e paraolímpicos –Sofía Toro, Chano Rodríguez e Juan Antonio Saavedra-, os integrantes das escolas deportivas municipais poden ser partícipes de cadansúa experiencia e intercambiar opinións sobre o deporte de elite.

Os protagonistas son tres reputados medallistas cunha bagaxe vital e deportiva moi seguida e desexada polos seareiros máis noveis aos que vai dirixido o programa. As súas historias, ademais de prestixiar o uso da lingua galega, valeralles para coñecer o sacrificio e a tenacidade que esixe unha carreira deportiva de primeiro nivel.

A xuventude da coruñesa Sofía Toro non lle impediu proclamarse campioa olímplica na modalidade de Match Race nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, logo de acadar o mesmo reoñecemento nos campionatos de Europa, en 2011, e mais de Iberoamérica e España, en 2010.

Superación e esforzo os as conviccións do tirador paraolímpico Juan Antonio Saavedra, que tras sufrir unha difícil enfermidade na súa infancia logrou unha medalla de prata nos Xogos Paraolímpicos de Londres 2012, despois de participar nos de Sidney e Atenas.

O nadador paraolímpico Chano Rodríguez, natural de Cádiz e vigués de adopción conta coa súa historia de superación, que o levou a gañar 16 medallas paraolímpicas –a metade delas de ouro- ao tempo que incorporou o uso do galego na súa vida cotiá.

Cooperación entre administracións

Esta iniciativa, impulsada por Cultura e Educación para as entidades integradas na RDL, conta tamén co apoio económico da Deputación de Ourense e da Coruña, ademais de coa colaboración técnica de cada un dos municipios anfitrións. Dende a súa posta en marcha no mes de abril desenvolvéronse un total de 25 encontros, nos municipios de Outes, Cabana de Bergantiños, Boiro, Ribeira, Cambados, Ortigueira, Rois, Corcubión, Santa Comba, Muxía, Xove, Cee, Teo, Vedra, Bergondo, Ames, Carral, A Pobra do Caramiñal (en colaboración coa Mancomunidade Arousa-Zona Norte), Aranga, Arzúa, Mesía, Padrón,  Barbadás, Ourense e Xinzo de Limia.

Ademais destas tres últimas localidades, a colaboración entre o departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad e a Deputación de Ourense fará posible que a mocidade deportista do Barco de Valdeorras, Ribadavia, Celanova, Verín e Bande poidan achegarse a un dos tres deportistas de elite nas vindeiras semanas.

En total, e ata o mes de xuño, desenvolveranse 36 conferencias noutros tantos municipios pertencentes á RDL.

Toda a información sobre “Espello deportivo” e o seu calendario de encontros pódense consultar no web www.xunta.es/linguagalega/espello_deportivo.