Máis de 300 profesores escoitan no Gaiás ao prestixioso pedagogo Francesco Tonucci a través dunha iniciativa da Consellería de Cultura e Educación

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presentou a intervención ‘O alumnado competente para a vida’ no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia

Mar, 07/05/2013 - 20:10
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pre
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, presentou a intervención ‘O alumnado competente para a vida’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou no serán de hoxe no Gaiás unha conferencia do prestixioso pensador, pedagogo e debuxante italiano Francesco Tonucci. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, introduciu a intervención ‘O alumnado competente para a vida’ que tivo lugar no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia e que contou coa asistencia duns 300 profesionais da educación.

Francesco Tonucci é un dos persoeiros máis destacados no mundo da pedagoxía e da investigación sobre a educación. É investigador do instituto de Psicoloxía do Consello Nacional de Investigacións de Roma desde 1966. Dedicou case toda a súa vida profesional ao estudio do desenvolvemento cognitivo dos nenos, do seu pensamento, do comportamento infantil no ámbito familiar, escolar e cidadán, á relación que existe entre o desenrolo cognitivo e os métodos educativos, e á relación entre os nenos e a televisión.

Desde finais dos anos 70 alternou o seu traballo de psicopedagogo co de debuxante, asinando as súas viñetas, nas que plasmaba a realidade educativa, como Frato. Entre os seus proxectos de investigación destacan ‘Os museos para nenos’ ou ‘A cidade dos nenos’. Unha das súas facetas máis destacadas é a defensa dos dereitos dos nenos e nenas, polo que en 1997 foi nomeado presidente do ‘Comité Italiano de Televisión e Menores’, dedicado á protección infantil. Participou en centos de conferencias co fin de contribuír a unha mellora substancial da actividade cotiá das escolas. Entre a súa bibliografía destaca ‘A escola como investigación’ (1976), ‘Como ser neno’ (1985), ‘Con ollos de mestre’ (1995), ‘Cando os nenos din ¡basta!’ (2003), ou ‘A maquinaria escolar’ (2008).