Cultura e Educación contribúe á celebración do Día da Danza con seis actuacións especiais do Centro Coreográfico xunto a distintas escolas de baile

A compañía pública viaxará ademais o domingo 28 a Elxe para representar a parte da coreografía “Aínda” de Mercedes Suárez na mostra Abril en Danza da cidade alacantina

As accións con alumnos terán lugar en Lugo, Arteixo, Pontevedra e Ponteceso ata o 15 de maio

Ven, 26/04/2013 - 09:50
Cultura e Educación contribúe á celebración do Día da Danza con seis actuacións
Cultura e Educación contribúe á celebración do Día da Danza con seis actuacións especiais do Centro Coreográfico xunto a distintas escolas de baile

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á celebración do Día Internacional da Danza, que se conmemora o 29 de abril, cunha serie de actuacións do Centro Coreográfico Galego compartidas con escolas de baile de distintas localidades. A estas accións especiais, que terán lugar a partir de hoxe e ata o 15 de maio en Lugo, Arteixo, Pontevedra e Ponteceso, súmase a presenza da compañía pública galega na carteleira do festival Abril en Danza de Elxe (Alacante) o domingo 28 de abril.

Para todas estas representacións, o Centro Coreográfico Galego escenificará con cinco bailaríns e bailarinas a parte da coreografía Aínda asinada por Mercedes Suárez, que fora estreada en 2012 como fragmento do espectáculo completo do mesmo título. A peza ocupaba os primeiros 20 minutos da obra, para dar paso a continuación á creada polo coreógrafo francés Amaury Lebrun, integradas ambas á súa vez nun programa dobre no que se executaba tamén o Jardí Tancat de Nacho Duato. 

A coreografía, que obtivo o pasado ano unha mención especial no Certame Iberoamericano de Danza Alicia Alonso convocado pola SGAE en colaboración co Ballet Nacional de Cuba, utiliza como referencia temática a riqueza cultural de Galicia e a simbiose que se establece coa compoñente atlántica. Con trazos de estilo contemporáneo, incorpora xestos e movementos da danza tradicional galega de total expresividade sobre un espazo sonoro composto polo grupo vigués ISGA Collective inspirado en melodías populares galegas.

Formatos de exhibición e formación

O Centro Coreográfico Galego utilizará agora a creación para levar a cabo este ciclo de accións de promoción da danza a través de distintos formatos de exhibición combinada con formación, que se desenvolverán nos vindeiros días en Lugo, Arteixo, Pontevedra e Ponteceso, e mediante sesións que se comparten con diversas escolas de baile de Galicia.

Así, o Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá a primeira destas sesións hoxe á tarde, a partir das 20:00 horas, nunha xornada organizada polo Conservatorio Superior de Danza da cidade en colaboración con outros centros de ensino desta disciplina.

Xa á volta da representación no Gran Teatro de Elxe o domingo 28, o Auditorio Municipal de Arteixo e a  Praza da Ferrería de Pontevedra ofrecerán eventos similares os días 3 e o 4 de maio ás 20:45 e 19:00 horas, respectivamente, que tamén contarán coa participación do Centro Coreográfico Galego. Por último, a Aula Municipal de Danza do Concello de Ponteceso recibirá Aínda o 15 de maio para levar a cabo tres accións formativas cos alumnos do centro, que terán lugar, sucesivamente, ás 9:30, 10:30 e 12:00 horas.