Cultura e Educación primou a protección do menor nos acontecementos ocorridos no colexio Santa Cristina de Vigo

A Xefatura Territorial en Pontevedra avala a actuación da Inspección Educativa e do propio equipo directivo do centro

Xov, 25/04/2013 - 17:25

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na provincia de Pontevedra avala a actuación da Inspección Educativa e do equipo directivo do CPR Santa Cristina de Vigo que primaron en todo momento a protección do menor, en relación a un presunto caso de acoso escolar. Así mesmo, Cultura e Educación lamenta que este asunto teña transcendido aos medios de comunicación, unha comunicación que foi feita polos proxenitores do rapaz.

Desde este departamento destácase que “sempre prevaleceu o amparo ao menor” razón pola que o absentismo escolar de este alumno foi trasladado a Fiscalía para o seu coñecemento.

Ademais, insístese dende a Xefatura Territorial no feito de que os informes de Inspección Educativa e do propio centro, así como as diferentes actas desprendidas das reunións cos pais do neno, reflicten que o CPR Santa Cristina de Vigo actuou “en todo momento de xeito correcto preocupándose polo benestar do neno”.

Neste sentido a Xefatura está a estudar unha posible querela contra estes proxenitores, en defensa do labor realizado pola inspectora educativa do centro vigués, dadas as continuas afirmacións que se están a verter nas redes sociais contra o seu traballo poñendo en dúbida a súa profesionalidade. Segundo explicou o xefe territorial, César Pérez Ares, “non se entende que os proxenitores do neno estean a utilizar o recurso dos medios de comunicación para denunciar a situación cando xa teñen solicitado o traslado dos seus fillos para o próximo curso a outro centro da cidade. Esta xefatura – engadiu - estivo sempre a súa disposición para atender as demandas dos proxenitores, aínda que sempre dentro da legalidade”.

Conforme á normativa

Pérez Ares, matizou que non consta na Delegación Territorial máis que un parte de lesións “e que segundo ten recollido Inspección, posteriormente a eses feitos o neno volveu con total normalidade a clase participando nas actividades do centro”.

De feito, no informe de Inspección tamén consta que o colexio tomou, en relación ao outro neno implicado, as medidas disciplinarias conforme á Lei 4/2011 de Convivencia e Participación. “Esas medidas”, explicou Pérez Ares, “deben ser correctoras de comportamentos contrarios ás normas de convivencia, e o seu obxectivo sempre é reparador e educador. Iso si, deben ser graduadas conforme á proporcionalidade dos feitos”.

Desde a Xefatura Territorial quérese destacar que as normas son para cumprilas. “Todos temos que someternos a elas. O que non é aceptable é que un as aproveite no seu propio beneficio”, matizou César Pérez, quen recordou que os pais teñen “procedementos e recursos que se puideron usar neste caso”.

“Non vamos a sentirnos coaccionados ao respecto”, explicou o xefe territorial, “e actuaremos con toda a legalidade por diante, e sempre en defensa do menor. O que non é aceptable é que os alumnos no último trimestre do curso cambien de centro co dano que supón tanto a nivel educativo como persoal”. César Pérez recordou que este tipo de traslados “sempre debe ter detrás unha situación excepcional,  situación que non se corresponde co caso do que estamos a falar, segundo os informes cos que conta a Consellería de Educación”.