Cultura e Educación presenta en Cee ‘Espello Deportivo’, co que a Rede de Dinamización está a impulsar cun gran éxito o galego no deporte

O secretario xeral de Política Lingüística deu a coñecer hoxe os vindeiros encontros da actividade na provincia da Coruña, cos que a Xunta de Galicia e a Deputación coruñesa queren asociar os valores positivos do deporte co uso da lingua galega

Durante esta semana, a rapazada de Cambados, Ortigueira, Rois, Corcubión, Santa Comba, Muxía, Xove e Cee terá oportunidade de achegarse aos deportistas de elite que participan no programa

Sofía Toro, Chano Rodríguez e Juan Antonio Saavedra, acompañados polo actor Rubén Riós, promoverán a lingua propia de Galicia como cualidade do deporte de noso

Mar, 16/04/2013 - 16:48
 Cultura e Educación presenta en Cee ‘Espello Deportivo’, co que a Rede de Dinam
Cultura e Educación presenta en Cee ‘Espello Deportivo’, co que a Rede de Dinamización está a impulsar cun gran éxito o galego no deporte

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá no Salón de Sesións do Concello de Cee o programa de dinamización lingüística “Espello Deportivo”, que chegará a concellos da provincia da Coruña pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) co apoio da Deputación coruñesa e mais de Política Lingüística. O programa está a contar cun gran éxito e congregou un vivo interese dos asistentes aos encontros xa celebrados en Outes, Cabana de Bergantiños, Boiro e Ribeira.

No acto de presentación, que tivo lugar no Salón de Sesións do Concello, tamén participaron Zaira Rodríguez, alcaldesa da localidade e deputada provincial de Normalización Lingüística; Sofía Toro, a medallista olímpica que manterá un coloquio co alumnado das escolas deportivas ceense o vindeiro sábado ás 12:00 horas no Salón de Actos municipal, e o actor Rubén Riós, presentador e condutor da actividade, ademais de representante da empresa que a xestiona.

O secretario xeral mostrou súa a satisfacción polo éxito que tivo a iniciativa durante a súa primeira semana de andaina nos concellos de Outes, Cabana de Bergantiños, Boiro, Ribeira, Cambados e Ortigueira e augurou unha repercusión semellante en Cee. García Gómez atribuíu esta acollida favorable a que “Espello Deportivo” conta coa colaboración de deportistas de elite “que son modelo e referencia para a mocidade galega polo seu compromiso con valores coma o esforzo e a constancia”, valores que agora trasladan ao ámbito da lingua ao animaren aos rapaces e rapazas, especialmente aos neofalantes, a desenvolveren a súa vida en galego.

Grazas ao programa da RDL “Espello Deportivo” -impulsado pola Consellería de Cultura e Educación e mais polas deputacións da Coruña e de Ourense- o alumnado das escolas deportivas de ata 36 municipios da RDL poderá escoitar de primeira man as experiencias da regatista Sofía Toro, do nadador Chano Rodríguez ou do tirador Juan Antonio Saavedra nunha charla de 60 minutos conducida polo popular actor e xestor da actividade Rubén Riós. Abrirá as xuntanzas un vídeo biográfico de cada deportista que dará paso a un relatorio e mais a un coloquio nos que os valores positivos do deporte irán parellos ao uso da lingua galega como ferramenta de comunicación e de identidade.

Oito encontros esta semana

Durante esta semana os tres deportistas emprenderán un verdadeiro maratón por oito concellos da RDL. O percorrido comezou onte en Cambados e en Ortigueira, que contaron coa presenza de Chano Rodríguez e de Juan Antonio Saavedra, respectivamente.

O mércores, a cita matinal será en Rois, ás 12:00 horas no Auditorio Municipal, con Chano Rodríguez. O xoves, a regatista olímpica Sofía Toro visitará o Colexio Público Praia de Quenxe de Corcubión ás 15:00 horas, mentres que Chano Rodríguez manterá un coloquio co público presente na Casa do Concello de Santa Comba ás 19:00 horas.

Un día despois, Sofía Toro estará ás 11:00 horas no salón de actos do Voluntariado de Muxía e Chano Rodríguez falará ás 17:00 horas no salón de actos do Centro Cívico de Xove, municipio pertencente á Mancomunidade da Mariña Lucense. Por último, o sábado, ás 12:00 horas, Sofía Toro e mais Juan Antonio Saavedra pecharán a semana de encontros no salón de actos da Casa do Concello de Cee.

Canda estas sesións, “Espello Deportivo” desenvolverá ata finais de xuño un total de 36 conferencias con deportistas noutros tantos concellos. Esta iniciativa enmárcase na programación de actividades da RDL para o ano 2013, e conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Deputación da Coruña e da Deputación de Ourense.

Prestixiar o galego a través do deporte

“Espello Deportivo” ten como principal tarefa a de ligar o uso da lingua galega co deporte e cos seus valores positivos, como o sacrificio, o afán de superación ou a disciplina. Para ese cometido, xunto co do prestixio do galego entre os máis novos, o programa conta con tres protagonistas de excepción, cunha colección de recoñecementos internacionais no deporte de elite.

Sofía Toro, regatista olímpica, foi campioa olímpica nos Xogos de Londres 2012, na modalidade de Match Race. Malia a súa mocidade, conta tamén na súa relación de títulos co primeiro posto nos campionatos de Europa en 2011 e de Iberoaméricae España en 2010. Esforzo e superación son as dúas máximas do tirador paraolímpico Juan Antonio Saavedra, medalla de prata nos Xogos Paraolímpicos de Londres, logo de participar nos de Sidney e Atenas. Por último, o gaditano Chano Rodríguez poderá explicar mellor que ninguén a adopción do galego con naturalidade, combinando a súa historia lingüística coa consecución de 16 medallas paraolímpicas en natación.

Toda a información sobre ‘Espello deportivo’ está dispoñible no web www.xunta.es/linguagalega/espello_deportivo.

Menús News node R