A Consellería de Cultura e Educación e FEUGA colaborarán para impulsar a FP Dual a través dun réxime de bolsas de formación para o alumnado

As empresas que colaboren coa Consellería na implantación desta modalidade da formación profesional poderán optar por este réxime de axudas ou por subscribir directamente cos estudantes contratos para a formación e a aprendizaxe

En ambos os casos a remuneración fixarase en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen as alumnas e alumnos

Mér, 17/04/2013 - 12:10
Xesús Vázquez Abad na sinatura do acordo con Feuga
Xesús Vázquez Abad na sinatura do acordo con Feuga

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral da Fundación Empresa- Universidade (FEUGA), Francisco Javier Pereiro Pérez, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para impulsar a implantación da Formación Profesional Dual en Galicia a través dun réxime de bolsas para o alumnado que curse os ciclos formativos nesta modalidade. Deste xeito a Consellería dá un paso máis na súa aposta decidida pola FP Dual como unha vía de cualificación e acceso ao mercado laboral das mozas e mozos, ao mesmo tempo que de garantía para que as empresas do tecido socioprodutivo galego poidan contar con profesionais preparados para dar respostas ás súas necesidades concretas.

A sinatura deste protocolo suporá que as empresas que colaboren coa Consellería na implantación desta modalidade da formación profesional poderán optar, como medio de remunerar a parte de traballo efectivo que realicen as alumnas e alumnos, por este réxime de bolsas ou por subscribir directamente cos estudantes contratos para a formación e a aprendizaxe. De feito, o  RD 1529/2012, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da FP dual recolle ambas as posibilidades, polo que este protocolo de colaboración supón, tal e como sinalou o conselleiro “que a Consellería abre todas as vías para que esta modalidade de formación profesional se desenvolva en Galicia”. “É unha satisfacción para a Consellería poder dar un novo paso no camiño cara á implantación  da FP Dual que estamos a impulsar en Galicia, agora da man de FEUGA. Unha clara aposta polo emprego xuvenil e polo avance dos sectores produtivos galegos, procurando a formación de profesionais cualificados que dean resposta ás súas necesidades”.

Pola súa parte o director xeral de FEUGA salientou que este convenio materializa unha nova vía de colaboración para o desenvolvemento profesional dos estudantes da Formación Profesional dual procedentes do sistema educativo galego. “FEUGA convértese nun instrumento fundamental para que as empresas poidan participar máis activamente na formación e aprendizaxe dos nosos alumnos, e continua así o seu labor de integración e intercambio de coñecemento entre a estrutura educativa e o tecido empresarial galegos”, dixo.

As alumnas e alumnos que reciban as súas remuneracións como bolsas de FEUGA serán dados igualmente de alta no réxime da Seguridade Social e, ao igual que aqueles que sexan contratados directamente polas empresas, recibirán un importe fixado en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen. Polo tanto, a diferenza radica en que será FEUGA quen reciba os cartos da empresa e se encargue de xestionar os pagamentos aos estudantes, tal e como xa vén facendo en eidos como as bolsas para recén titulados universitarios e da propia FP.

Formación e traballo

A Consellería de Cultura e Educación ten asinado xa dous convenios de colaboración para a posta en marcha de dous proxectos experimentais de FP Dual coas empresas Coremain e UNVI, nos ciclos formativos de grao superior correspondente ao título de técnico superior de sistemas de telecomunicacións e informáticos - impartido polo CIFP Politécnico de Santiago- e de grao medio correspondente ao título de técnico en carrozaría - no IES Universidade Laboral de Ourense -, respectivamente.

O carácter diferencial da FP Dual derívase da combinación que fai entre formación curricular e traballo remunerado nunha empresa. Ademais, as alumnas e alumnos reciben na compañía formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade.

Ao longo dos cursos de duración do ciclo o peso da parte de formación curricular, impartida no centro e na empresa, e formación complementaria - na compañía- vai diminuíndo en favor do tempo dedicado ao traballo efectivo remunerado do alumnado.

A Consellería traballa para impulsar este sistema de formación en colaboración con outras empresas galegas, de tal xeito que as sinerxías redunden nun avance para a nosa economía e para o tecido socio-produtivo.