A Consellería de Educación presenta os proxectos gañadores dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, destacaron a calidade dos traballos

Mar, 15/12/2009 - 08:29
Anxo Lorenzo e José Luis Mira
Anxo Lorenzo e José Luis Mira

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, presentaron hoxe en rolda de prensa os proxectos gañadores dos premios de innovación en normalización lingüística, que convocan estes dous departamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Ambos os responsables políticos destacaron tanto a calidade dos proxectos deste ano coma o número de traballos presentados, un total de 68, o que supuxo un aumento do 340% respecto da media dos anos anteriores, situada en 20 proxectos.

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, salientou ''os contidos que o xurado considerou especialmente interesantes'', que foron a introdución do audiovisual nas aulas, o achegamento ás novas tecnoloxías, a aproximación á lingua galega en todas as manifestacións posibles e a posta en valor do multilingüismo. Así mesmo, o responsable de Política Lingüística recordou que os proxectos para fomentar a lingua galega, que parten principalmente dos equipos de normalización e dinamización lingüística, constitúen ''actividades que teñen que ver con toda a comunidade educativa''.

Pola súa parte, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, puxo en valor o traballo dos centros educativos que se reflicte na convocatoria dos premios de innovación en normalización lingüística e destacou ''a necesidade de mellorar a competencia lingüística dos alumnos, que debe implicar a todo o profesorado, axente clave deste proceso e peza angular do proceso educativo''. Así mesmo, o director xeral destacou a importancia de que exista complicidade entre todos os axentes para mellorar o sistema de formación e educación.

Sete premios e catro accésits

Os sete centros galardoados deste ano, que recibirán un premio de 3.000 euros, foron o CEIP Aguiño, de Ribeira, por Mar de mulleres asolagadas; o CEIP A Gándara, de Carballo, co proxecto Mergullados nos mares da palabra; o CEIP A Pedra, de Bueu, polo traballo Galegos e galegas de aquí e acolá o CEIP Bergantiños, de Carballo, que se presentaron con Casas de aquí e acolá o CEIP Quintela, de Moaña, por En galego pola rede; o IES Menéndez Pidal, da Coruña, polo proxecto A aldea global: Galicia é máis Galicia cando é todos os mundos; e finalmente, o IES Sardiñeira, tamén da Coruña, premiado por LinguaTIC@s.

Debido á calidade e á cantidade de proxectos presentados este ano, concedéronse un total de catro accésits de 1.000 euros cada un. Estes recoñecementos foron para o IES Félix Muriel, de Rianxo, polo traballo Abrindo portas en galego; para o IES Perdouro, de Burela, que presentou o proxecto Dinamización Lingüística de Burela; para o IES Rodeira, de Cangas, que fixo Vivir en galego. Queremos. Podemos; e mais para o IES Porto do Son, de Porto do Son, polo traballo 2010. Vinte dez.

Un mosaico de iniciativas para promover o uso do galego desde os centros

Os proxectos premiados, que se van pór en marcha no presente curso escolar, buscan fomentar o uso do galego e concienciar sobre a riqueza colectiva que supón para un pobo posuír unha lingua propia a través de proxectos interdisciplinares baseados no uso das novas tecnoloxías como fonte de información e de comunicación con outros grupos sociais. Entre estes proxectos atopamos iniciativas que parten da biodiversidade do contorno, para, a través da flora e da fauna, chegar á lingua galega, ás tradicións e oficios artesáns de Galicia, aos xogos e ás lendas; así como proxectos que analizan os tópicos identitarios, que teñen como eixo a muller galega no seu contexto cotiá ou que buscan o achegamento a outras realidades culturais a partir da galega.

Co fin de crear contextos de uso do galego e mais de dar a coñecer os que xa existen, os proxectos gañadores dos premios de innovación en normalización lingüística botan man de diversos medios, como campañas de difusión, blogues, obradoiros, teatro radiofónico e mesmo festivais escolares de cine, entre outros. Así mesmo, todos eles se caracterizan pola súa colaboración con diversas institucións do contorno que rodea o centro educativo.

Xornada de formación para os profesores e difusión dos traballos a través da rede

Ademais da contía económica, os premios inclúen unha xornada de formación para o profesorado implicado na elaboración de todos os proxectos, durante a cal tamén poderán compartir as súas experiencias. Ademais, as iniciativas dos proxectos premiados serán difundidas a través da rede e publicaranse os materiais educativos producidos na web de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega, e no enderezo da Consellería de Educación, www.edu.xunta.gal/portal.

Esta convocatoria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria constitúe unha iniciativa que busca fomentar o uso do galego oral tanto dentro coma fóra das aulas, así como o achegamento á realidade sociocultural de Galicia a través de proxectos educativos innovadores. Ademais, estes premios teñen o valor engadido de promoveren a utilización das novas tecnoloxías e a implicación de entidades culturais, asociativas, empresariais, recreativas e deportivas.