‘Espello deportivo’ comeza en Outes cun gran éxito o seu percorrido pola Rede de Dinamización Lingüística

Os asistentes ao primeiro dos encontros amosaron un vivo interese polas experiencias do deportista Juan Antonio Saavedra

Ademais deste tirador paraolímpico, os tamén medallistas Sofía Toro e Chano Rodríguez, xunto co actor Rubén Riós, compartirán nos próximos meses as súas experiencias cos integrantes das escolas deportivas destacando o uso do galego como valor identitario do deporte de noso

A iniciativa, que percorrerá 36 concellos ata o mes de xuño, chegará estes días a Outes, Cabana de Bergantiños, Boiro e Ribeira

Mér, 10/04/2013 - 18:11
Juan Antonio Saavedra Tirador paraolímpico
Juan Antonio Saavedra Tirador paraolímpico

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou hoxe en Outes cun gran éxito o percorrido do programa de dinamización lingüística ‘Espello Deportivo’, no marco do cal tres famosos deportistas de elite e mais o actor ourensán Rubén Riós se achegarán a concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia para incidiren na promoción do uso da nosa lingua propia como valor do deporte galego. “Espello Deportivo” forma parte da programación anual de actividades que a RDL está a poñer en marcha para o 2013.

O primeiro destes encontros tivo lugar esta mañá na Casa da Cultura de Outes, cun coloquio con Juan Antonio Saavedra e Rubén Riós, un encontro emocionante para os asistentes, que amosaron un vivo interese polas experiencias do deportista.

Neste marco, os vindeiros a regatista olímpica Sofía Toro, o nadador paraolímpico Chano Rodríguez e mais o tirador paraolímpico Juan Antonio Saavedra compartirán as súas experiencias cos asistentes a estas xuntanzas, que terán unha duración aproximada de 60 minutos con entrada libre. O coñecido actor Rubén Riós, responsable da empresa xestora, exercerá de presentador dos actos, que se abrirán coa proxección de cadanseu vídeo arredor da traxectoria do deportista que participe no encontro. A continuación, os asistentes terán oportunidade de falar cos deportistas acerca dos valores positivos do deporte, –como o liderado, o esforzo e o afán de superación- que inciden tamén a promoción da lingua galega vencellada ao deporte de noso.

Deportistas de primeiro nivel

Os protagonistas de “Espello Deportivo” son tres destacados medallistas cunha bagaxe vital e deportiva moi seguida e admirada polos deportistas máis noveis, aos que vai dirixido, nomeadamente, o programa. Da man do ourensán Rubén Riós, os asistentes serán partícipes das súas historias, e sabedores do sacrificio e da tenacidade que esixe unha carreira deportiva de primeiro nivel. A lingua galega, tamén protagonista, presentarase como un valor transversal e identitario do deporte galego.

Un dos referentes será o nadador paraolímpico Chano Rodríguez, natural de Cádiz e vigués de adopción, que incorporou o galego á súa vida cotiá mentres adestraba e participaba da alta competición. Na actualidade conta con 16 medallas paraolímpicas, a metade delas, de ouro. Semellante é o caso do tirador paraolímpico Juan Antonio Saavedra, que logo de sufrir unha difícil enfermidade na súa infancia acadou, tras anos de esforzo, unha medalla de prata nos Xogos Paraolímpicos de Londres 2012, tras participar nas Olimpíadas de Sidney e de Atenas.

A xuventude da coruñesa Sofía Toro tampouco foi obstáculo para que se proclamase campioa olímplica na modalidade de Match Race en Londres 2012, despois de acadar o mesmo título nos campionatos de Europa en 2011, e de Iberoamérica e España en 2010.

36 encontros ata xuño

Despois deste primeiro encontro de Outes, o mércores, o auditorio municipal de Cabana de Bergantiños recibirá a Chano Rodríguez ás 11:00 horas, mentes que Sofía Toro compartirá as súas experiencias co público barbanzán o venres, ás 11:00 horas na Casa da Cultura de Boiro e ás 18:00 horas no salón de actos do Club Náutico de Ribeira.

Esta iniciativa, impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, enmárcase na programación de actividades da RDL para o ano 2013, e conta co apoio económico da Deputación da Coruña e de Ourense. Ata finais de xuño desenvolveranse 36 encontros noutros tantos municipios.

Toda a información sobre ‘Espello deportivo’ e o seu calendario estás dispoñibles no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/espello_deportivo.

Menús News node R