O conselleiro de Cultura e Educación salienta a necesidade de que a mocidade aprenda a usar a rede con seguridade na inauguración do seminario Adolescentes e novas tecnoloxías

Xesús Vázquez Abad participou na apertura deste encontro promovido pola Consellería e o Valedor do Pobo, coa colaboración da USC e a EGAP
Sáb, 06/04/2013 - 10:30
 O conselleiro de Cultura e Educación salienta a necesidade de que a mocidade a
O conselleiro de Cultura e Educación salienta a necesidade de que a mocidade aprenda a usar a rede con seguridade na inauguración do seminario Adolescentes e novas tecnoloxías

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a necesidade de que os adolescentes aprendan a usar a Rede con seguridade, “saiban protexerse e, tamén, tirarlle todo o partido posible”. Fíxoo no acto de inauguración do seminario Adolescentes e novas tecnoloxías. Unha responsabilidade compartida, que se celebra hoxe na Escola Galega de Administración Pública, promovido pola Consellería – a través do Centro Autonómico de Formación e innovación (CAFI)- e o Valedor do Pobo, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a propia EGAP.

O conselleiro sinalou a relación entre adolescentes e Internet como “un obxecto de preocupación e, polo tanto, de debate e reflexión para moitas familias, profesionais e para a propia administración”. “Por iso - dixo, “é necesario favorecer a prevención e detección precoz dos posibles casos problemáticos”.

O conselleiro agradeceu aos docentes o seu traballo e salientou a importancia da colaboración entre a administración, familias e educadores neste eido. ”O seminario que agora inauguramos é un pequeno paso máis neste sentido. Vostedes, profesionais do ámbito educativo e socio-sanitario buscan ampliar e compartir o seu coñecemento neste área, unha das de maior influencia na vida das nosas mozas e mozos”, dixo, amosándose convencido da utilidade do seminario para acadar estes obxectivos.

Estudo de usos da rede

O seminario parte do estudo impulsado pola Consellería de Cultura e Educación e o Valedor do Pobo no 2011 sobre as actitudes, percepcións e usos de Internet e as redes sociais entre os adolescentes galegos, co obxectivo de detectar problemas no uso destas ferramentas e afondar na súa comprensión, contribuíndo ao deseño de estratexias que favorezan un uso máis racional e saudable da rede. Segundo os datos recollidos, arredor dun 15% os adolescentes poderían estar facendo un uso pouco recomendable de Internet.

O obxectivo deste seminario é, en base aos resultados do devandito estudo, sensibilizar a pais e educadores desta realidade e, por outro favorecer a prevención e detección precoz dos posibles casos problemáticos. Para acadar ambos retos vense de crear un grupo de traballo de carácter multidisciplinar, impulsado polo Valedor.

Organizada polo CAFI, esta actividade - na que a inscrición foi gratuíta- forma parte do plan anual de Formación do Profesorado da Consellería de Cultura e Educación, polo que os docentes que asistan a ela poderán obter un certificado de 8 horas de formación.

Programa da xornada

Ao longo da xornada de hoxe profesionais expertos do eido afondarán  nas claves para detectar un uso patolóxico ou problemático da rede, como previlo e como corrixilo. O seminario comezou co relatorio do director da Unidade de Condutas Aditivas (UCA) de Ourense, Gerardo Flórez Méndez, que afondou nas diferenzas entre a dependencia, o uso patolóxico e o problemático. O programa da mañá completarase co relatorio ‘Cando as novas tecnoloxías se converten nun serio problema: a onde acudir?, que facer?’, do psicólogo clínico e especialista en trastornos aditivos Manuel Araújo Gallego; e conAlarma social ou alarmismo?, que din os datos actuais?’, do responsable do Informe Extraordinario Adolescentes e Internet en Galicia, Antonio Rial Boubeta.

Pola tarde o primeiro relatorio será o impartido polo profesor da área de Psicoloxía Clínica da USC Xosé Antón Gómez Fraguela ‘O uso das novas tecnoloxías e os problemas de consulta: a punta do iceberg’; seguido da intervención do profesor da Universidade de Vigo Manuel Isorna Folgar, que afondará nas claves para a prevención e para o uso responsable das novas tecnoloxías. A xornada pecharase co relatorio da psicóloga Carmen Barreiro Couto arredor das posibles actuacións que neste eido se poden desenvolver desde as aulas dos centros de ensino e cunha mesa redonda e rolda aberta de intervencións de todos os participantes.