Cultura e Educación impulsará o uso do galego desde a Rede de Dinamización Lingüística coas novas propostas de ‘Falaredes 2013’

O secretario xeral de Política Lingüística presentou esta mañá o espectáculo de dinamización lingüística ‘A nena e o grilo nun barquiño’, que arrancará este sábado en Carral e que chegará a dezaoito localidades

Todas as actividades de ‘FalaRedes’ serán gratuítas e chegarán aos municipios da Rede de Dinamización Lingüística durante as fins de semana e festivos, ampliando a oferta cultural e de lecer en galego

Xov, 04/04/2013 - 12:14
Valetín García na presentación da actividade do seu departamento en Carral
Valetín García na presentación da actividade do seu departamento en Carral

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá en Carral o espectáculo musical infantil “A nena e o grilo nun barquiño”, unha das actividades que conformarán a segunda edición do programa de dinamización lingüística “FalaRedes” e que chegará a entidades locais integradas na Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

En presenza do alcalde da localidade coruñesa, José Luís Fernández Mouriño; a concelleira de cultura, Isabel López e mais Xaime López, responsable de Urdime -empresa xestora da actividade- o secretario reral manifestou que coa nova edición de “FalaRedes” “a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere consolidar unha programación de actividades anual e estable destinada á RDL”, posta en marcha no pasado ano. Durante a súa intervención, García Gómez tamén sinalou a importancia das actividades de dinamización “como ferramentas para rachar prexuízos e achegarlle o galego á sociedade no seu tempo de lecer cargándoo de valores positivos e asociándoo aos formatos e contextos máis actuais”.

O acto de presentación tamén contou coa participación do coñecido músico Magín Blanco, autor do proxecto “A nena e o grilo e un barquiño”.

Música en directo para toda a familia

“A nena e o grilo nun barquiño” é un espectáculo de dinamización lingüística pluridisciplinar, que mestura música, lingua, ilustración, poesía, teatro e baile en directo. A xente miúda da casa -acompañada polas súas familias- vibrará ao ritmo da historia dunha viaxe iniciática onde o mundo se presenta como unha nova aventura por descubrir. Os seus protagonistas, comandados polo creador e músico Magín Blanco, iranlles descubrindo o mundo e os seus segredos, ao mesmo tempo que conquistan o seu propio mundo interior.

As 13 cancións que compoñen a proposta, xunto cos pequenos contos que lle darán sentido á posta en escena inciden en temáticas universais como a solidariedade, o respecto á natureza, o desenvolvemento do universo afectivo e, en definitiva, a curiosidade por todo o que nos rodea. A música pretende soar a ledicia, para reafirmar a súa existencia como vehículo e vínculo interxeneracional cargando o galego de positividade e asociando o seu uso e a súa transmisión ao terreo dos sentimentos.

O espectáculo familiar, de 60 minutos de duración, é totalmente gratuíto, e chegará a perto dunha vintena de concellos da RDL durante fins de semana ou festivos. Esta sábado Magín Blanco e a súa banda recalan en Carral, cunha función ás 18:00 horas no local veciñal Xente Nova de Tabeaio. O domingo actuará ante o público de Porqueira, ás 17:00 horas no salón de actos da Casa do Concello.

FalaRedes

O programa de dinamización lingüística chega á súa segunda edición, logo do éxito obtido nas máis de 250 actividades desenvolvidas no seu primeiro ano de vida. As accións dinamizadoras que o compoñen pretenden cumprir cos obxectivos emananados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a crear espazos de uso e de aprendizaxe ligados ao lecer, á cultura xuvenil e tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). A través das súas actividades, destinadas a distintos tipos de público, búscase ligar a imaxe da lingua galega aos valores positivos e modernos da sociedade actual. Ao mesmo tempo, quérese reforzar o uso do galego entre galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia aos cativos de orixe castelanófona.

Dende esta fin de semana e ata que remate o ano, as distintas propostas que compoñen ‘FalaRedes’ moveranse polos concellos que forman parte da RDL, unha iniciativa impulsada polas administracións local e autonómica para mellorar na planificación e coordinación da dinamización lingüística en Galicia, e que na actualidade conta con case 150 membros, entre municipios, mancomunidades, deputacións, fundacións, asociacións profesionais etc.

Toda a información sobre FalaRedes está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.

Menús News node R