Educación asinará un convenio de colaboración coa UNED que proporcionará 100 novas prazas para o Máster de profesorado no curso 2010/2011

A Consellería comunicou esta decisión ao Consello Galego de Universidades, celebrado hoxe en Ourense

Ven, 14/05/2010 - 20:33
Educación asinará un convenio de colaboración coa UNED
Educación asinará un convenio de colaboración coa UNED que proporcionará 100 novas prazas para o Máster de profesorado no curso 2010/2011

O Consello Galego de Universidades (CGU) coñeceu hoxe a intención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de asinar un convenio coa UNED para obter 100 prazas adicionais para estudantes do Máster de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas.

Deste xeito a Consellería volve a demostrar a súa preocupación por desenvolver accións que favorezan ao alumnado galego que para estes estudos terán, como mínimo, 840 prazas para o vindeiro curso. Xa que esta actuación  se unirá ás que xa se desenvolveron no presente curso e que permitiron ofertar as tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) 740 prazas distribuídas entres as seis especialidades. Un planeamento que continuará o vindeiro curso e no que xa se está a traballar, e en torno ao cal a Consellería volverá a tramitar os convenios de colaboración coas tres universidades galegas.

No mesmo encontro informouse de que o Ministerio de Educación convocou as axudas correspondentes ao Programa Campus de Excelencia Internacional para o 2010, e que todos os proxectos presentados desde a Comunidade galega serán totalmente apoiados pola Consellería de Educación. Por outra banda está a piques de rematar a tramitación do convenio de concesión de 7,5 millóns de euros de Educación para  o proxecto da USC, Campus Vida, que foi recoñecido como de Excelencia de carácter rexional.

Novo Plano de Financiamento

Por outra banda no CGU informouse de que a Consellería presentará o novo Plano de Financiamento do SUG dentro do prazo previsto, e que polo tanto estará rematado no mes de xullo; tal e como se indicaba no cronograma marcado no primeiro encontro en torno a este tema, realizado o 10 de marzo. Neste punto o secretario xeral de universidades, Alberto Díez de Castro, destacou que decidiuse que a Secretaría Xeral elaborará os documentos base, que estarán abertos a suxestións, e a aprobación posterior nas xuntanzas do comisión de financiamento do CGU. Deste modo axilizaranse os traballos, para ter o documento final a primeiros do mes de xullo, onde se convocará un CGU para o seu informe. Tamén se consultarán aos axentes sociais e distintos colectivos interesados.

En torno a este tema xirará o vindeiro encontro da Mesa Sectorial de Universidades no mes de xuño, no que se integran representantes das tres universidades do SUG, e das centrais sindicais CIG, UGT, CC.OO. e CSIF.

Docencia de Medicina e solicitude máis prazas

Por outra banda, no encontro do Consello Galego de Universidades presentáronse os adiantos na execución do acordo das Bases para a cooperación universitaria na docencia do grao de Medina, asinado o pasado mes de febreiro. Así, xa se constituíu a Comisión Mixta do Sistema Galego de Universidade para a docencia clínica. Nesta comisión están representadas as partes asinantes do acordo: as tres universidades galegas, e as consellerías de Sanidade e Educación e Ordenación Universitaria. Tras isto constituíronse as Comisións docentes do grao de Medicina en cada un dos hospitais da rede SERGAS, e cuxas composicións foron fixadas a proposta da propio SERGAS e o decano da facultade de Medicina, sendo aprobadas por unanimidade. Agora estase a traballar no desenvolvemento dun decreto regulador da propia comisión mixta, así como na figura do colaborador docente.

Así mesmo informouse que, como cada ano, enviarase ao Ministerio de Educación a oferta de prazas de novo ingreso para o curso 2010-2011 no total de graos que se imparten en Galicia.

Encontro en Ourense

Na reunión, celebrada por primeira vez no edificio de Ferro do campus da Universidade de Ourense estiveron presentes o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. Así mesmo estiveron os reitores de Vigo, Alberto Gago; da Coruña, José María Barja, e de Santiago, Senén Barro; xunto a eles, presidentes dos consellos sociais das universidades, e do Parlamento.

No transcurso do CGU, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, despediu a Gago e Barro, que asisten por última vez a este encontro en calidade de reitores, xa que os seus mandatos están a rematar. A eles, o conselleiro agradeceulles o labor, traballo e esforzo desenvolvido durante estes anos como máximos representantes dos centros de estudos superiores públicos dentro do SUG, ao que aportaron todo os eu traballo e esforzo. Asemade o conselleiro recordou a figura de Manuel Rodríguez de la Fuente, ao que agradeceu todos os esforzos para a mellora do campus de Ourense, como vicepresidente do consello social da Universidade de Vigo.