Cultura e Educación e o Consello da Cultura Galega reunirán un coro de 400 nenas e nenos para cantar a Rosalía

Xesús Vázquez Abad presentou hoxe a actuación musical educativa ‘No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía’, na que participará alumnado de entre 8 e 12 anos dos conservatorios e das escolas de músicas de toda Galicia

O concerto, que se enmarca na celebración do 150.º aniversario de ‘Cantares Gallegos’, realizarase o 7 de xuño na compostelá praza da Quintana e previamente os rapaces ensaiarán na Cidade da Cultura de Galicia

Lun, 18/03/2013 - 12:12
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou en rolda de prensa, a actividade musical educativa No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega reunirán un coro de 400 nenos e nenas para cantar os versos de Rosalía de Castro nunha homenaxe única á escritora no ano no que conmemora o 150.º aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e mais o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, presentaron hoxe en rolda de prensa a actividade musical educativa No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía, que se organiza no marco do programa de actividades que a Xunta de Galicia e outras entidades están a impulsar de forma conxunta para celebrar esta efeméride. Na rolda de prensa, que tivo lugar no Museo Centro Gaiás, tamén participaron o secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo; a directora da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, a vicepresidenta do CCG, Rosario Álvarez e Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do CCG e que será o encargado de dirixir a actividade.

A compostelá praza da Quintana acollerá o 7 de xuño este concerto, no que participará alumnado de conservatorios, escolas de música e coros infantís de toda Galicia. Previamente, os nenos e nenas visitarán a Cidade da Cultura de Galicia, onde realizarán o ensaio xeral. 

Na presentación da actividade, Vázquez Abad sinalou a importancia da música na difusión da obra rosaliana de xeración en xeración “a través das melodías cantadas, obra dos noso mellores compositores e esparexidas por grupos musicais dos máis diversos estilos”, pezas como o Negra Sombra, de Juan Montes, ou Rosa de Abril, de Gaos, “que seguen absolutamente vixentes e capaces de  emocionar e de nos transmitir sensibilidade a públicos de todas as idades”.

Evento educativo e cultural

O conselleiro salientou, ademais, o “enorme valor educativo e cultural” que vai implicar esta actividade, na que cativas e cativos de entre 8 e 12 anos prepararán pezas clásicas da música galega sobre versos de Rosalía, interiorizándoas e axustándoas á interpretación musical. “Nenos e nenas –dixo o conselleiro–  que semanalmente están a dedicar boa parte do seu tempo á aprendizaxe da música nas escolas e nos conservatorios e que, dalgunha maneira, van sentir neste esforzo de gran concerto colectivo na Quintana, unha recompensa a ese traballo. E han sentir, co paso do tempo tamén, que con el contribuíron a agrandar aínda máis a figura histórica de Rosalía”.

Vázquez Abad convidou os centros a participar nesta iniciativa da que valorou, ademais, o seu valor como evento cultural para impulsar a participación social nas actividades que se están a celebrar co gallo do 150 aniversario de Cantares Gallegos.

O prazo de inscrición para os centros que desexen participar estará aberto ata o 15 de abril. A selección será por orde de inscrición. O concerto celebrarase o 7 de xuño e nel intepretaranse Maio longo (Follas Novas), de José Baldomir; Rosa de abril (Cantares Gallegos), de Andrés Gaos; En Cornes (Follas Novas), de Octavio Vázquez; e Negra Sombra (Follas Novas), de Juan Montes. Os nenos cantores estarán acompañados polo  grupo de metais Hércules Brass, composto por 2 cornos, 2 trompetas, trombón e tuba.

Coñecer a Rosalía

Co gallo desta efeméride, a Xunta de Galicia e as principais culturais do país colaboran na organización de diferentes actividades. A celebración terá como iniciativa central a exposición No principio foi o verso. O cantar dos Cantares, patrocinada pola Consellería, e que afonda en Cantares Gallegos, na súa autora e na súa época.

No eido da música e das artes escénicas, ademais desta actividade musical educativa, estase a preparar unha recompilación das principais gravacións existentes da música de Rosalía, un concerto ía dentro do ciclo de música Espazos Sonoros, e difundiranse as novidades discográficas deste ano arredor da figura desta escritora, proxectos como Rosalía de Narf, música e poemas rosalianos musicados polo cantante galego Narf, e un proxecto arredor de Cantares Gallegos do grupo folk aCadacanto. Ademais, o Centro Coreográfico Galego levará por vilas e cidades de Galicia o espectáculo de danza Rosalía; e Sarabela Teatro difundirá a súa prosa e poesía a través do espectáculo escénico Os cantares das musas.

O programa de actividades contempla tamén edicións conmemorativas, e a difusión exterior da obra rosaliana, tanto a través da publicación dunha edición en inglés de Cantares Gallegos na colección Galician Classics, como as que se desenvolverán desde os lectorados de lingua e cultura galegas de universidades de todo o mundo, coordinadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ademais, a Biblioteca de Galicia prepara para o mes de maio unha importante mostra bibliográfica arredor de Cantares Gallegos, cunha selección de edicións, partituras de composicións musicais de tema rosaliano e outros materiais singulares, que se unirá ás accións que se promoven arredor da figura rosaliana no primeiro semestre do ano nas bibliotecas nodais. Ademais a Consellería participa nunha ampla programación arredor desta efeméride, a través do apoio a iniciativas impulsadas por asociacións e entidades culturais de toda Galicia.

Así mesmo, a Consellería convoca o concurso escolar ‘Imaxina Cantares!’ para facer partícipes os equipos de dinamización da lingua galega nesta conmemoración e co obxectivo de que os máis novos poidan gozar da obra rosaliana a través de producións en soporte audiovisual.

Pódese consultar máis información no enlace web: http://consellodacultura.org/rosalia2013/nenos_rosalia.php