O secretario xeral de Universidades clausura as terceiras Xornadas de Dirección Estratéxica nas Pymes, na UNED de Lalín

A Consellería de Educación participou activamente no encontro ‘Empresa familiar, crecer en situacións adversas’ inaugurado este luns por Xesús Vázquez Abad

Mér, 12/05/2010 - 20:31

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, foi o encargado de clausurar hoxe a terceira edición das Xornadas de Dirección Estratéxica para Pymes, ‘A empresa familiar, crecer en situacións adversas’, que desde o luns se celebraron na sede da UNED, en Lalín. Un encontro no que a Consellería de Educación participou activamente xa que o luns o responsable da inauguración foi Xesús Vázquez Abad que xa había participado como relator nas primeiras xornadas organizadas pola extensión da universidade a distancia.

Na súa intervención o secretario xeral de Universidades e director da cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela destacou a importancia da continuidade destas empresas que deben superar a adaptación aos novos modelos de xestión. Deste xeito Díez de Castro comezou o peche das xornadas dicindo que “a importancia da empresa familiar dentro da economía e o mundo da empresa en xeral é incuestionable. As empresas familiares representan unha maioría significativa do tecido produtivo mundial, europeo e español, sendo actualmente a principal fonte de creación de emprego nos países desenvolvidos. En España, por exemplo, existen 2,9 millóns de empresas familiares, que representan o 70% do PIB español e xeran aproximadamente 13,9 millóns de postos de traballo”. E resaltou a importancia de “formar boas persoas, con educación en valores”, xa que a partir disto pódese “formar un bo empresario ou accionista, que mire pola empresa”.

Para rematar Alberto Díez de Castro recordou que “como indica Joaquín Uriach, membro de quinta xeración de Laboratorios Uriach: O FC Barcelona de Pep Guardiola tivo tanto éxito porque aplica as cousas que desde sempre se aplicaban na empresa familiar: persistencia, humildade, sacrificio e pensar no longo prazo. O que agora chaman o método Guardiola é algo que a empresa familiar viña facendo desde sempre”.

Relatorios en primeira persoa

Durante os tres últimos días oitenta persoas coparon as prazas dispoñibles para o encontro, no que estiveron presentes destacados especialistas de toda Galicia,  coordinados por José Antonio Rodríguez. Así a encargada do primeiro relatorio foi a profesora universitaria Elena Rivo López, con ‘Razóns para a creación e continuidade da empresa familiar’, tras ela interveu o catedrático en Dereito Mercantil da Universidade da Coruña, Manuel Areán Lalín, con ‘Organización xurídica da empresa familiar: os protocolos familiares’. Todos eles na xornada do luns que foi pechada polo xerente e socio de Aceites Abril, José Manuel Pérez Canal.

O martes o encontro comezou coa presenza de Unilco, unha consultora nacional especializada en empresas familiares, e que falará das firmas que xa teñen superado a terceira xeración. Tras el interveu Ana Eiris, representante de Confecciones Guerral; e a xornada rematou con Joaquín Pérez Baellido, do grupo de automoción Pérez Rumbao. A xornada de hoxe comezou coa intervención de Ana Framiñán, que relatou a evolución de Framiñán Grupo Inmobiliario.