Vázquez Abad anuncia a elaboración nesta lexislatura de leis para a cualificación permanente, o patrimonio cultural e os arquivos de Galicia

A Consellería habilitará 9.000 novas prazas de comedor escolar que será gratis para un 57% dos usuarios

Dotarase de auxiliares administrativos aos CEIPs con máis de 400 alumnos, e publicarase o primeiro decreto de desenvolvemento da Lei de Convivencia e Participación

Está previsto ampliar polo menos o 20% de prazas na FP e impulsar as manifestacións artísticas e o sector editorial dentro e fóra da nosa terra a través dun Plan da Cultura Galega e doutro Director do Libro

Mar, 12/03/2013 - 16:14

O conselleirode Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no Parlamento de Galicia as liñas estratéxicas de actuación do departamento que dirixe para a presente lexislatura, na que se apostará pola formación como motor de desenvolvemento de Galicia. Para iso, anunciou a elaboración dunha Lei de Formación e Cualificación Permanente que, unida á do Sistema Universitario de Galicia – xa en trámite parlamentario- contribuirá a aproveitar ao máximo as potencialidade da Formación Profesional e das Universidades para sentar as bases do crecemento e do progreso de Galicia. O conselleiro explicou ademais que se vai elaborar unha nova Lei do Patrimonio Cultural e outra Lei de Arquivos.

Estas actuacións en materia lexislativa veranse reforzadas cunha ampliación de polo menos o 20% de prazas na FP, a extensión dos proxectos de FP Dual e da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional, e co impulso das manifestacións artísticas e o sector editorial dentro e fóra da nosa terra a través dun Plan da Cultura Galega e doutro Director do Libro. Ademais, modificaranse as normas para a axilización dos expedientes e procedementos, a difusión dos bens protexidos a través dun Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia. No que toca aos camiños de Santiago, impulsaranse novas delimitacións de rutas, redactarase un plan especial de protección e xestión do Camiño Francés, e iniciaranse os estudos históricos, documentais e xeográficos en relación ao recoñecemento do Camiño de Inverno e o Camiño Portugués da Costa, a través do correspondente marco normativo.

Así mesmo, o conselleiro explicou que o seu departamento ten a intención de estender progresivamente o servizo de comedor escolar, incrementando en 9.000 o número de usuarios que dependan directamente da xestión da Consellería, a través da creación de novas prazas e asumindo de forma paulatina os xestionados polas ANPAS. Ademais establecerase un sistema que beneficie ás familias máis desfavorecidas, grazas á contribución económica das rendas máis altas. Con este sistema a gratuidade total beneficiará a máis do 56,7% dos usuarios.

Incidindo no seu compromiso coas políticas sociais como unha prioridade da Xunta de Galicia, Vázquez Abad comprometeuse a dar continuidade ao diálogo coas Universidades galegas para acadar a conxelación das taxas académicas na primeira matrícula para o vindeiro curso –non incrementando, de xeito excepcional, o IPC–- e as menos gravosas posibles para os anos posteriores.

Formación ao longo da vida e Universidade

Vázquez Abad sinalou a relación entre o progreso dunha sociedade e o nivel de formación dos seus cidadáns para salientar a importancia da adquisición de coñecementos e competencias profesionais ao longo da vida. Neste sentido a nova Lei Galega da Formación e da Cualificación Permanente será a actuación estratéxica que estableza os principios e as bases da formación ao longo da vida nas diferentes etapas, niveis, formación profesional e orientación profesional de acordo coa realidade galega actual.

No que atinxe ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) o conselleiro amosou a súa confianza en que a nova Lei reforzará o SUG en base á racionalidade e a eficiencia, procurando unha estrutura adecuada ás necesidades socioeconómicas de Galicia e ás exixencias que supón a plena integración no Espazo Europeo de Educación Superior. Neste sentido, sinalou como obxectivos de lexislatura conseguir que o SUG conte con graos interuniversitarios e cunha oferta estable de posgraos e lograr a sustentabilidade financieira, a través do desenvolvemento do Plan de Financiamento.Asemade explicou que o futuro dos vindeiros catro anos pasa por acadar sete campus especializados, o que lles permitirá artellar un programa de captación de talento investigador a cinco anos vital para o tecido produtivo de Galicia.

Ampliación de usos do galego

Unha das principais referencias da identidade galega e vínculo de unión entre todas e todos os galegos é a nosa lingua propia. Neste eido, o conselleiro explicou que os esforzos do departamento que dirixe se van centrar na proxección do galego cara o exterior, e en lograr a implicación dos sectores sociais máis representativos e dinamizadores da sociedade no proceso de consolidación e modernización do idioma. Respecto do galego no ensino, reiterou a vontade da Xunta de Galicia de manter a cordialidade e o consenso en materia lingüística, e recordou que o Goberno galego ten a man tendida ao diálogo para abandonar a confrontación política en torno á lingua.

Plurilingüismo e diversidade

Tamén no eido educativo, o conselleiro sinalou que ao longo da lexislatura seguirase desenvolvendo Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras; ao tempo que se continúa a propiciar a integración de tecnoloxías no ensino. Para isto, ademais, estanse a incorporar lectores electrónicos nas bibliotecas escolares a través do proxecto-piloto “E-LBE”, e darase paso á progresiva implantación de libros dixitais nas aulas.

Actuacións dirixidas a familias e centros

Ao longo desta lexislatura a Consellería continuará a fomentar a participación das familias na educación dos seus fillos. Para iso o vindeiro mes presentarase o primeiro decreto de desenvolvemento da Lei de Convivencia e Participación, que terá como eixos básicos a educación en respecto, os plans de convivencia dos centros educativos, a prevención do acoso escolar e o réxime corrector das condutas inadmisibles na aula.