Cultura e Educación reúne a máis de 500 docentes nos encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2013

O director xeral de Centros e Recursos Humanos inaugurou esta mañá as xornadas

Xov, 07/03/2013 - 11:32
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, inaugurou os
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, inaugurou os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2013.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne a máis de 500 docentes responsables de bibliotecas escolares nos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) 2013, que se celebran hoxe e mañá, no marco do Plan LÍA  2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe). O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, inaugurou hoxe as xornadas, onde salientou a importancia das bibliotecas como centros de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe, aspectos esenciais no camiño cara o éxito escolar; e cualificounas como unha “sala de máquinas onde latexa o potencial movemento formativo, informativo e creativo da comunidade educativa”. Neste sentido, o director xeral agradeceu aos responsables destes espazos o seu traballo para incorporar os seus centros ao PLAMBE e para que a biblioteca “ocupe o lugar que lle corresponde como corazón e motor dos seus centros”.

O obxectivo deste encontro é favorecer o intercambio de experiencias e boas prácticas entre as persoas que coordinan os equipos das bibliotecas escolares galegas integradas no Plan de mellora de bibliotecas escolares. De feito, tanto estas xornadas, que ten carácter anual, como as xornadas de clubs de lectura, as xornadas e encontros de bibliotecas escolares de Galicia e o congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito 2011 téñense demostrado como foros de gran utilidade para a posta en marcha de novas iniciativas nas bibliotecas dos centros educativos, froito da colaboración entre os docentes asistentes.

Nesta edición os encontros centran a súa atención na biblioteca como compensadora de desigualdades sociais, pola seu importante papel á hora de achegar recursos culturais e de información a todos os membros da comunidade escolar, cuestión fundamental para garantir a igualdade de oportunidades de acceso a estes materiais, especialmente nestes tempos de dificultades económicas. Así mesmo, as xornadas farán fincapé na necesidade de impulsar a alfabetización mediática e informacional entre o alumnado, imprescindible para que poida facer un uso selectivo, útil e responsable do continuo fluxo de información que lles chega na actualidade desde os medios de comunicación e que adquire unha dimensión aínda máis ampla en internet. Unha tarefa na que as bibliotecas escolares, tal e como explicou o director xeral, son “aliadas naturais”.

Actualmente están incluídas neste programa un total de 504 bibliotecas escolares, que reciben asesoramento e asignación económica para a súa transformación en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe. O profesorado responsable destas bibliotecas, así como os integrantes dos equipos, forman parte dunha rede de colaboración, a través do grupo PLAMBE, no que se intercambian informacións e materiais e se comparten experiencias. Organizados pola Consellería a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e da Asesoría de bibliotecas escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, os encontros contan coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

A biblioteca na sociedade actual

Ao longo dos dous días que duran os encontros celebraranse relatorios e mesas de experiencias nas que os asistentes poderán coñecer a metodoloxía de traballo que diferentes centros escolares de Galicia están a desenvolver en materia de bibliotecas escolares. A xornada de hoxe, dirixida aos 63 responsables das bibliotecas que se integraron este curso no PLAMBE, comezará co relatorio Unha biblioteca escolar útil para unha sociedade complexa, impartido polo docente e fundador do Seminario de Literatura Infantil y Juvenil de Guadalajara José Antonio Camacho Espinosa. O reto que supón educar aos máis novos no consumo e uso da información será o tema de Informarse nun mundo de cambio, o relatorio que impartirá a mestra e documentalista Anna Blasco, e no que tamén ofrecerán as súas experiencias de centro Carmen  Cancela, do CEIP de Louro (Muros); e Benigno Nerga, do IES Alexandre Bóveda (Vigo).

 

Xa pola tarde, exporanse as posibilidades pedagóxicas do Proxecto Meiga da man do seu coordinador, César Iglesias; e haberá un relatorio dirixido a estes centros de nova incorporación no PLAMBE, que será impartido por Pilar Sampredo e Cristina Novoa, responsables da Asesoría de bibliotecas da Consellería. A xornada pecharase cunha mesa de experiencias sobre a relación entre a biblioteca e o seu contexto social, na que participarán Mª Luisa Vidal, Mª Isabel Fernández e Sabela Lahuerta, do CEIP A Pedra (Bueu), IES Vilalonga (Sanxenxo) e EEI de Vide (As Neves), respectivamente.

 

Mesas de experiencias

No segundo día dos encontros, que se celebrará no Pazo de Congresos de Santiago, participarán xa a totalidade dos 504 responsables das bibliotecas integradas no PLAMBE. A primeira conferencia do día abordará as estratexias e prácticas para o traballo cos novos medios e alfabetizacións, da man do catedrático UNESCO do programa de cooperación de Medios de Comunicación e Alfabetización en Información, Josep Manuel Pérez Tornero. O programa da mañá completarase coa celebración de cinco mesas de experiencias simultáneas. Nelas, Ana Mª Escudero, e Rosana Rodiles, do IES Lagoa de Antela (Ourense) e CEIP de Pazos (Ferrol), exporán o funcionamento das bibliotecas dos seus centros como factor de compensación social; mentres que Susana Seoane e Margarita Olivar, do CEIP Os Muíños (Muxía) e IES de Ames serán as responsables da mesa Traballando sen libros de texto. Traballando con proxectos de ciencias.  Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, María Asunción Carballo e Mª del Carmen Varona, do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) e do IES nº1 do Carballiño presentarán os proxectos que se realizan nos seus respectivos centros arredor da muller.  Intégrase nestas sesións unha mesa sobre experiencias de lectura compartida, coa participación do actor e director teatral Antonio Rodríguez Menéndez, responsable do Proyecto Fahrenheit 451 (las personas libro), unha actividade de gran interés para el fomento de la lectura; na mesma mesa, Santiago Dans, do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz) exporá a experiencia do seu centro en actividades de lectura compartida; por último, Sonia Ces e Olga Rod´rigez, do IES de Porto do Son e do CEIP Milladoiro, explicarán como a biblioteca escolar pode xerar actividades educadoras globais.

A programación da tarde comezará con reunións para o intercambio de experiencias, reflexión e propostas do profesorado arredor de eixos básicos como a biblioteca como factor de compensación de desigualdade, o uso dos contidos científicos nas actividades que nela se organizan, a avaliación dos servizos que ofrecen, e o programa ‘Hora de ler’ – impulsado pola Consellería- como estratexia para a formación dos lectores. Os encontros pecharanse da man do escritor Agustín Fernández Paz, co relatorio A construción do lector, na que desenvolverá diversas facetas deste proceso, a importancia da familia, as persoas mediadoras, as fases do itinerario lector, a lectura instrumental ou a lectura literaria. Ao tempo, incidirá na importancia do sistema educativo como peza imprescindible para a formación dunha cidadanía lectora, así como no seu papel de compensador das desigualdades sociais. A presenza dun autor da importancia de Fernández Paz, figura clave da literatura infantil e xuvenil galega, amplamente recoñecida e moi querida para o profesorado galego interesado  no fomento da lectura, porá un excelente punto final a estes encontros.