Convocados os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2012 nas universidades do SUG

Ven, 01/03/2013 - 08:36

Xúntase a Orde do 18 de febreiro de 2013 pola que se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2012 nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

O obxecto desta convocatoria é conceder un premio coa finalidade de facer un recoñecemento expreso, de carácter oficial, aos estudantes que remataron con brillantez, no curso académico 2011-2012, os estudos cursados nas universidades do Sistema Universitario de Galicia conducentes aos títulos de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Poderán ser beneficiarios os estudantes de cada unha das diferentes titulacións oficiais impartidas no SUG que contando no seu expediente académico completo con mellor nota media, remataron os estudos universitarios conducentes aos títulos contemplados na  Lei de Reforma Universitaria (LRU) ou ós seus equivalentes de grao que os substitúen.

Estes premios son compatibles con outras bolsas e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Poderán solicitar estas axudas  os alumnos e alumnas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teren cursado integramente os estudos da titulación universitaria pola que opta ó premio nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

b) Teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos,  para alumnos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades,  Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,50 puntos, para alumnos  da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Nota media  calculada  de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011 entre esta consellería e as universidades galegas.

c) En ningún caso o 1º ciclo dunha titulación  LRU poderá servir de base para a concesión de máis dun premio fin de carreira.

d) Aqueles alumnos que xa obtiveron un premio fin de carreira da Comunidade Autónoma en anteriores convocatorias, non poderán obtelo de novo.

Período de solicitude:

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Se a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal.Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

O prazo de presentación de solicitudes será dende 2 de marzo de 2013 ata o 1 de abril  de 2013.

Menú Advertisement

Premios autonómicos

Sen términos