Cultura e Educación adxudica a obra de ampliación do CEIP Bergantiños

O investimento neste centro superará os 1,1 millóns de euros

Os traballos poderán comezar no mes de marzo

Mér, 27/02/2013 - 13:48

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de adxudicar as obras de ampliación do CEIP Bergantiños (Carballo) Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia reitera o seu compromiso de dar resposta ás necesidades das zonas con poboación escolar en crecemento, priorizando estes proxectos no actual contexto de crise económica.

A obra do CEIP Bergantiños foi adxudicada á empresa OGMIOS PROYECTO,SL por un importe de 1.140.763,80 euros , cun prazo de execución de 10 meses. Con este investimento vaise realizar unha ampliación externa ao actual centro, un espazo adecuado para o alumnado de entre 3 e 5 anos que terá un acceso independente desde a rúa. O novo edificio albergará 9 aulas – con cadanseu aseo-, unha aula de usos múltiples e psicomotricidade, aseos para alumnado e profesorado, e zonas de distribución, acceso, instalacións e almacenamento.  O espazo estará organizado en torno a un patio-xardín interior tipo claustro, arredor do que se dispoñen as aulas e demais espazos, e que servirá tamén como zona de xogos.

Está previsto que se poidan iniciar os traballos de execución da obra no vindeiro mes de marzo, unha vez se proceda a formalización do contrato e á realización do acto de comprobación de replanteo que marca o inicio de execución das mesmas. Estas obras dan resposta ás necesidades de escolarización da poboación, co que a Consellería garante unha oferta de prazas suficiente para os próximos cursos.