Cultura e Educación adxudica as obras de ampliación do CEIP A Igrexa-Calo

O investimento neste centro superará os 742.000 euros

Os traballos poderán comezar no mes de marzo

Mér, 27/02/2013 - 13:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de adxudicar as obras de ampliación do CEIP A Igrexa-Calo (Teo). Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia reitera o seu compromiso de dar resposta ás necesidades das zonas con poboación escolar en crecemento, priorizando estes proxectos no actual contexto de crise económica.

A obra do CEIP A Igrexa-Calo (Teo), a ampliación foi adxudicada á empresa  ALICATADOS Y REVESTIMENTOS GÓMEZ CRESPO, por un importe de 742.465 euros. A obra consistirá na construción dun novo aulario de educación infantil dotado de seis aulas e os seus servizos correspondentes, distribuíndose en dúas plantas. No andar de abaixo situarase o aulario, unha zona de uso común, os aseos, o almacén e a sala da caldeiras; mentres que no andar superior instalarase a climatización do edificio.

Está previsto que se poidan iniciar os traballos de execución da obra no vindeiro mes de marzo, unha vez se proceda a formalización do contrato e á realización do acto de comprobación de replanteo que marca o inicio de execución das mesmas. Estas obras dan resposta ás necesidades de escolarización da poboación, co que a Consellería garante unha oferta de prazas suficiente para os próximos cursos.