A Consellería de Cultura e Educación destinará en 2013 case 900.000 euros á construción da nova escola de educación infantil de Betanzos

O secretario xeral técnico lembrou hoxe no Parlamento que o actual Goberno foi o único que fixou partidas orzamentarias para este proxecto

Mar, 19/02/2013 - 17:48

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará na anualidade de 2013 case 900.000 euros ao inicio das obras de construción da nova escola de educación infantil (EEI) de Betanzos (A Coruña), co fin de dar resposta ás necesidades da comunidade escolar deste municipio. Así o explicou no Parlamento de Galicia o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, quen lembrou ademais que o actual Goberno foi o primeiro en fixar partidas orzamentarias para este proxecto.

Unha vez o Parlamento aprobe os Orzamentos de 2013, a nova escola infantil contará para esta anualidade cun orzamento de 892.240 euros, resultado da suma de esforzos que constitúen os 100.000 euros presupostados desde o primeiro proxecto de Orzamentos, os 492.240 procedentes de incorporacións de crédito e os 300.000 euros que a Consellería decidiu incorporar como un esforzo adicional á hora de licitar este proxecto.

O secretario xeral técnico explicou que se procederá en breve ao inicio do expediente de licitación da primeira fase da obra, despois de que o concello de Betanzos concedera en xaneiro deste ano a licenza de obras. Así mesmo salientou que o proxecto escollido, de entre 28 propostas de gran calidade presentadas ao concurso público, contempla a construción dun centro de 15 unidades, coa previsión, no propio proxecto, dunha ampliación nunha segunda fase ata acadar as 18 aulas, en función da demanda real existente. Deste xeito retómase a idea do proxecto inicial, despois de que no ano 2008 se reducira a 15 unidades.

Coa partida prevista para 2013 a Consellería reitera o seu compromiso real coa construción deste centro de infantil e primaria que, tal e como expresou o secretario xeral técnico, “cremos, dará resposta ás necesidades de escolarización neste municipio coruñés”.

Menús News node R