O conselleiro de Cultura e Educación salienta o papel do Conservatorio Profesional de Pontevedra na conservación das ensinanzas musicais ao longo dos seus 150 anos de historia

Xesús Vázquez Abad participou no acto de presentación das actividades conmemorativas do nacemento do conservatorio Manuel Quiroga, o máis antigo de Galicia

Ven, 08/02/2013 - 13:46
Xesús Vázquez Abad na presentación da programación do Conservatorio
Xesús Vázquez Abad na presentación da programación do Conservatorio Manuel Quiroga

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o papel co Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, de Pontevedra, na conservación das ensinanzas musicais, “mesmo en tempos nos que non recibiron todo o valor no eido educativo que merecen”.

No acto de presentación das actividades conmemorativas do nacemento do conservatorio máis antigo de Galicia, que debe o seu nome ao violinista pontevedrés, o conselleiro salientou a importancia destas ensinanzas como parte fundamental da formación das persoas, “algo do que xa eran conscientes os nosos antepasados”. Neste sentido, agradeceu o traballo dos docentes do conservatorio e puxo en valor a importancia do papel “que xogan e xogaron na formación de xeracións e xeracións de pontevedreses”. Así mesmo, Vázquez Abad gabou o esforzo da actual Dirección e comunidade educativa do centro na preparación do programa de actividades do centocincuentenario, así como “polo traballo diario que fan para descubrir e formar novos talentos musicais”.

Vázquez Abad quixo, ademais, agradecer ás familias a súa aposta polas ensinanzas musicais, máis nestes tempos de crise nos que a adquisición dun instrumento é un importante gasto adicional para as economías familiares. “Impulsando a formación artística dos vosos fillos e fillas non só estades contribuíndo a unha formación máis completa para eles, senón que favorecedes a irrupción de novos talentos na cultura galega”, dixo.

O conselleiro estivo acompañado neste acto polo alcalde da cidade do Lérez; Miguel Anxo Fernández Lores; polo delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís; polo xefe territorial da Consellería en Pontevedra, César Pérez Ares; pola  presidenta da Comisión de Cultura da Deputación, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e polo director do centro, Luís Costa.

Recuperar a memoria

O centro, fundado en febreiro de 1863 e dependente da Xunta de Galicia desde o curso 1991/1992, comezou os acto de celebración o pasado outubro, co gallo da apertura do curso 2012/2013. Ao longo do ano 2013 o está previsto desenvolver encontros con antigos alumnos e profesores, concertos do alumnado con outras agrupacións musicais, e mesmo a representación do musical ‘Manuel Quiroga’, estreado en 2011 con motivo do 50 aniversario do pasamento do violinista.

O obxectivo é recuperar a memoria deste centro, ata o momento pouco documentada, o conservatorio está a traballar nunha publicación que recolla a súa historia desde a fundación, que está previsto presentar a inicios do vindeiro curso académico. Así mesmo, o centro está a organizar unha exposición do centocincuentenario que, comisariada por Fernando Otero Urtaza, amosará fotografías, testemuños dos xornais, cartas e impresións que deron conta da existencia e evolución do conservatorio neste século e medio.

Ademais o centro, no que cursan estudos este curso arredor de 540 alumnas e alumnos, convocou un concurso de composición co gallo da conmemoración, dirixido ao alumnado matriculado no 6º curso do grao profesional de música, ou en calquera dos cursos de grao superior de música, de todos os conservatorios profesionais ou superiores de Galicia.  A Consellería de Cultura e Educación editará a gravación, entregando 300 copias o primeiro premiado, 150 ao segundo, así como copias para a súa distribución en centros e institucións de ensino e difusión musical.