Xesús Vázquez Abad inaugura o congreso bienal RSME 2013, unha das citas clave no eido das matemáticas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria salientou a importancia das Matemáticas para o progreso tecnolóxico e social contemporáneo, lembrando así mesmo a mellora experimentada nos niveis de rendemento en competencia matemática en Galicia.

Lun, 21/01/2013 - 19:40
Xesús Vázquez Abad inaugura o congreso Bienal RSME 2013, unha das citas clave no
Xesús Vázquez Abad inaugura o congreso Bienal RSME 2013, unha das citas clave no eido das matemáticas

Vázquez Abad inaugurou o Congreso Bienal RSMEque se desenvolve en Santiago de Compostela entre o 21 e o 25 de xaneiro. Na súa intervención no Pazo de Fonseca perante os máis de 300 participantes, Vázquez Abad destacou que “as matemáticas están presentes en moitos ámbitos da vida diaria e teñen desenvolvido un papel moi significativo en diversos ámbitos do desenvolvemento tecnolóxico e social”; así como a importancia que estas teñen dentro do propio sistema educativo galego, destacando o feito de que “nestes últimos anos estanse mellorando os niveis de rendemento en competencia matemática na nosa comunidade.”

Acompañaron ao titular de Cultura e Educación no acto de apertura oficial do congreso, o reitor da Universidadede Santiago de Compostela, Juan Casares Long, o presidente da Real Sociedade Matemática Española, Antonio Campillo López, a presidenta da Asociación Matemática Europea, Marta Sanz Solé, a decana da Facultade de Matemáticas, María Victoria Otero Espinar, o presidente do Comité Científico, José Luis Gómez Pardo, e o presidente do Comité Organizador, Enrique Macías Virgós.

Asemade, a cerimonia de inauguración incluíu unha conferencia a cargo do profesor Alfredo Bermúdez de Castro: “Simulación e optimización de redes de transporte de gas”; a entrega do Premio de Investigación José Luis Rubio de Francia ao investigador Alberto Enciso, do Instituto de Ciencias Matemáticas de Madrid, e un recital da coral “Cantigas e Agarimos”. Este Congreso Bienal RSME é considerado a actividade periódica máis importante que se organiza en España no eido das Matemáticas.

Programa e obxectivos

O programa do Congreso inclúe nove conferencias plenarias, dezaoito sesións científicas e diversas actividades relacionadas cos eidos das matemáticas e a educación. As conferencias plenarias correrán a cargo de Carlos Beltrán Álvarez, Alfredo Bermúdez de Castro, Alberto Enciso Carrasco, Juan Souto Climent, Elena Fernández Aréizaga, José Manuel Mazón Ruiz, Rosa María Miro Roig, María Pe Pereira e Manuel Ritoré Cortés.

Ademais, durante o Congreso realizaranse 18 sesións dedicadas a temas de investigación de especial relevancia social e científica. Estas sesións servirán para reflexionar sobre os avances e novas tendencias en áreas de interese como “Aspectos da matemática industrial en España”, “Interaccións matemática-informática”, “Análise funcional”, “Estatística” ou “Biomatemáticas”.

Os obxectivos do RSME 2013 son compartir a recente investigación realizada polos matemáticos españois, nun marco axeitado para estreitar lazos de colaboración e axude a coñecer os campos de interese e traballo claves na actualidade; aumentar a visibilidade social das matemáticas e favorecer a interdisciplinariedade con outras ciencias e áreas do coñecemento.