Cultura e Educación estrea os obradoiros Cantámosche os Reis, para celebrar o Nadal cantando en galego

Os obradoiros, impartidos polos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk, arrancan mañá en Mesía e en Ribadavia

“Cantámosche os Reis” é a segunda iniciativa posta en marcha no marco do programa “Nadal en Rede”, que ten como obxectivo dinamizar a lingua galega durante a festividade do Nadal

Mér, 26/12/2012 - 12:44

Declaracións de Valentín García

Cultura e Educación estrea os obradoiros Cantámosche os Reis, para celebrar o Na
Cultura e Educación estrea os obradoiros Cantámosche os Reis, para celebrar o Nadal cantando en galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística– pon en marcha mañá “Cantámosche os Reis”, a segunda das iniciativas de “Nadal en Rede”, o programa que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia aprobou, a proposta da súa Área Técnica, no marco da programación de actividades de difusión do galego para o ano 2012.

Os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk, especialistas en tradición oral galega –levan máis de 20 anos recompilando coplas, cantos e regueifas–, inician mañá os obradoiros de cantos de Nadal “Cantámosche os Reis” nos concellos de Mesía (na Casa da Cultura, ás 12.00 h) e Ribadavia (na Casa da Cultura, ás 17.00 h). Nestes obradoiros, dirixidos a asociacións culturais e veciñais e mais a público en xeral, interpretaranse cancións en galego propias destas festas para que as celebremos na nosa lingua e mais tratarase de recuperar a tradición de interpretar nadais, aninovos e reis polas casas de cada aldea e vila do país.

“Cantámosche os Reis” chegarán o día 28 ás localidades do Pereiro de Aguiar e de Cerdedo; o 29 pasarán por Cerceda; o día 2 de xaneiro estarán en Moaña; o 3 en Palas de Reis e, por último, o día 4 farán dobre sesión en Campo Lameiro e en Ames. O calendario completo desta actividade pódese consultar no web de Política Lingüística (http://www.xunta.es/linguagalega/contamosche_reis). Nesta páxina, tamén se pode descargar un folleto con información e exemplos desta rica tradición, que ten como finalidade animar as asociacións e todas as persoas interesadas a contribuír á súa recuperación.

Melchor, Gaspar e Baltasar falan en galego

A primeira iniciativa posta en marcha dentro do programa “Nadal en Rede” foi “Lingua de Reis”, unha iniciativa que levou de visita os Reis Magos de Oriente polos colexios de nove concellos galegos pertencentes á RDL. Durante os encontros, as súas Maxestades animaron o alumnado de infantil e de primeiro ciclo de primaria a que lles escriban as cartas deste Nadal en galego.

Diversas iniciativas para festexar o Nadal en Rede

Co fin de facilitarlles aos nenos e ás nenas esta encomenda dos Reis Magos de enviarlles a misiva deste ano en galego, a RDL creou un modelo de carta que Política Lingüística enviou a case un cento de concellos que non dispoñían desta iniciativa. Distribuíronse 5.000 exemplares e o modelo tamén se pode descargar dende o web www.xunta.es/linguagalega/arquivos/carta_reis_magos.pdf.

O programa “Nadal en Rede” complétase con outras iniciativas coas que o departamento dirixido por Valentín García pretende reforzar a presenza do galego na celebración do Nadal, como o Libro dos Reis, que se distribuíu en todos os concellos da RDL co obxectivo de que as cabalgatas de Reis poidan contar con discursos novos e orixinais en galego da autoría de 26 coñecidas escritoras da literatura galega máis actual. Esta obra, editada por Galaxia e ilustrado por Marina Seoane, pódese descargar de balde en www.xunta.es/linguagalega/arquivos/libro_Reis.pdf.

Amais destas iniciativas, Política Lingüística volve poñer un ano máis postais electrónicas en galego a disposición de toda a cidadanía para felicitar o Nadal e o Aninovo a través das formas máis actuais de comunicación. Por último, a RDL deseñou o catálogo dixital Este Nadal... agasalla en galego!, que inclúe un bo feixe de ideas para agasallar nestas datas, como discos, libros, xoguetes, roupa, tecnoloxía ou produtos alimenticios, todos eles co denominador común de usaren o galego nos seus contidos e/ou etiquetaxe.

Unha programación específica da Rede de Dinamización Lingüística

Nadal en RDL é unha das iniciativas que desenvolven as especificacións da Programación anual de actividades da RDL para o ano 2012, aprobada polo Consello de Membros a proposta da súa Área Técnica a finais de 2011.

A RDL é un proxecto impulsado polo Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no que a día de hoxe participan case 130 entidades de Galicia, co obxectivo prioritario de establecer e consolidar vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica dando así un paso máis na promoción planificada do noso idioma. Ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais son os seus principais propósitos.

Menús News node R