Xesús Vázquez Abad asiste á entrega de premios aos seis centros educativos galegos galardoados no Concurso Nacional de Boas Prácticas para a dinamización das Bibliotecas Escolares 2011

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o director xeral de Centros e Recursos Humanos participaron esta mañá na cerimonia na que recolleron os seus galardón colexios de Pontevedra, Ourense e a Coruña

Este recoñecemento confirma o bo traballo que están a facer as bibliotecas escolares galegas, grazas ao compromiso das comunidades educativas e ao apoio que se lles está a dar desde a Consellería, a través do Plan Lía 2010/2015

Lun, 10/12/2012 - 16:44
Xesús Vázquez Abad asiste á entrega de premios aos seis centros educativos galeg
Xesús Vázquez Abad asiste á entrega de premios aos seis centros educativos galegos galardoados no Concurso Nacional de Boas Prácticas para a dinamización das Bibliotecas Escolares 2011

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús vázquez Abad; e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; acompañaron hoxe na entrega de premios aos seis centros educativos galegos galardoados no ‘Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas de centros escolares 2011’, organizado polo Ministerio de Educación. Uns galardóns entregados na Biblioteca Nacional cos que se recoñece o bo facer das bibliotecas escolares de Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia a través do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe), posto en marcha polo departamento dirixido por Vázquez Abad. De feito, as seis bibliotecas galardoadas levan recibido da Consellería preto de 161.000 euros para o desenvolvemento de diferentes actividades, así como para a mellora dos seus fondos.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia felicitou aos centros polo traballo realizado, e salientou o papel fundamental dos docentes e coordinadores de biblioteca no fomento da implicación de toda a comunidade educativa arredor destes espazos. Neste sentido, lembrou a importancia de que as materias do currículo escolar impulsen no alumnado o interese pola investigación e a obtención de información a través das ferramentas ofrecidas polas bibliotecas, de tal forma que nos colexios e institutos se formen cidadáns capacitados para se informar, utilizando tanto os recursos bibliográficos como as novas tecnoloxías da información e a comunicación.

Recoñecemento a centros galegos

Na cerimonia de entrega de premios celebrada hoxe na Biblioteca Nacional estiveron presentes representantes dos seis centros educativos galegos galardoados,  que levan a cabo diferentes iniciativas para que as súas bibliotecas sexan espazos dinámicos que actúen como recurso didáctico e integrador para a mellora da calidade do ensino.

Na modalidade dirixida aos centros de educación infantil, primaria, especial e de persoas adultas foi galardoado cun primeiro premio o CEIP de A Lama, de Pontevedra; cun segundo premio o CEIP Conde de Fenosa, do Barco de Valdeorras; e con dous terceiros premios o CRA de Ribadumia e o CEP Xosé María Brea Segade, de Taragoña (Rianxo).

Doutra banda, na categoría destinada aos centros de educación secundaria, Formación Profesional, ensinanzas artísticas e Escolas Oficiais de Idiomas, recoñeceuse con dous terceiros premios o traballo do IES de Celanova e do IES Alexandre Bóveda, de Vigo

Os seis centros premiados destacaron entre todos os participantes por ter nas súas respectivas bibliotecas un instrumento educativo integrador arredor do que se fomenta a mellora da calidade do ensino en toda a comunidade escolar. Así, os fondos destas bibliotecas, son utilizados como fonte de información e de aprendizaxe nas distintas áreas e materias do currículo, e como ferramentas para mellorar as competencias lectoras e de aprendizaxe autónoma, ao tempo que se utilizan de forma natural e integrada as tecnoloxías da información e comunicación. Desta forma, as bibliotecas galardoadas constitúense en espazos nos que o alumnado adquire tanto competencia dixital, como coñecementos; aprende modos de buscar información, mellora a súa comprensión lectora e desenvolve a súa autonomía e iniciativa persoal.

Doutra banda, o xurado do concurso valorou especialmente a capacidade destas bibliotecas para implicar a toda a comunidade educativa – alumnas e alumnos, pais, nais e docentes –nas actividades desenvolvidas nelas; favorecendo así o traballo en grupo e o gusto pola lectura. Ademais tívose en conta a integración e atención da diversidade do alumnado con necesidades educativas específicas nestes espazos.

Lectores electrónicos

Cómpre lembrar que, para continuar na mellora da calidade dos servizos ofrecidos polas bibliotecas escolares, a Consellería vén de lanzar un novo eixo de actuación que supón un esforzo adicional para potenciar o Plan LIA, polo que dotará a 25 bibliotecas escolares de centros de ensino de Galicia de lectores electrónicos a través do proxecto piloto ‘E-Lectores nas bibliotecas escolares’ (E-LBE). Con esta iniciativa - dirixida a centros integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares(PLAMBE)- búscase que profesorado e alumnado coñezan de primeira man os novos soportes e dean conta das posibilidades que ofrecen para a mellora da competencia e dos hábitos de lectura entre os máis novos.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación continúa a desenvolver o Plan LÍA, no marco do cal xa se ten acadado que a rede de centros integrados no PLAMBE alcance os 504 colexios e institutos- fronte aos 224 que había ao inicio da lexislatura-. Así mesmo, ao abeiro deste plan,desenvólvense numerosas liñas de actuación, entre as que destacan as actuacións de formación de profesorado - encontros e xornadas de bibliotecas escolares e clubs de lectura-, iniciativas como ‘Hora de Ler’ ou ‘Mochilas Viaxeiras’, ou o concurso de lectura en voz alta “Ler e escoitar”, celebrado por primeira vez no ano 2010, entre outras actuacións para poñer en valor o libro e a lectura nos centros de ensino de Galicia. .