A consellería de Educación participou no encontro ‘Back to school’, organizado pola Comisión Europea

Ao abeiro desta iniciativa, os funcionarios de Institucións Europeas convértense en embaixadores por un día e volven aos seus institutos de orixe para dar charlas sobre o funcionamento da Unión Europea

Ven, 30/04/2010 - 14:31

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, acudiu hoxe ao encontro ‘Back to school’, no IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, como representación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria neste acto organizado pola Comisión Europa. No acto tamén estivo presente o subdirector xeral da Dirección Xeral de Relacións coa Unión Europea, Santiago Álvarez de González. Este departamento e a Consellería de Educación participaron na actividade apoiándoa de xeito conxunto e coordinado.

No encontro de hoxe pola mañá, o funcionario da Comisión Europea Javier Villar Burque  retornou ao instituto compostelá no que estudiou na súa mocidade, no marco desta  iniciativa ‘Back to school’, que vén sendo desenvolvida nos últimos anos polos países que ostentan a Presidencia do Consello da Unión Europea. Nestes actos, os funcionarios das Institucións Europeas convértense en embaixadores por un día nos seus colexios e institutos de orixe, aos que volven para dar unha charla aos alumnos e alumnas sobre a Unión Europea. Deste xeito, dan a coñecer o presente e perspectivas da institucións, así como as súas experiencias profesionais.

Dada a repercusión mediática e social da iniciativa, ‘Back to school’ é considerada como unha importante vía de comunicación para a Unión Europa, ao tempo que se converter en unha importante oportunidade para os estudantes que deste xeito coñecen de primeira man como é o traballo neste eido.  A actividade ‘Back to school’ realizouse de modo simultáneo en varios centros galegos.