Cultura e Educación apoia 74 proxectos editoriais con 168.000 euros a través da convocatoria de axudas á tradución

O obxectivo desta liña de subvencións bienal da secretaría xeral de Cultura da Consellería é favorecer tanto a difusión da literatura galega a outras linguas como a versión en galego de autores foráneos

Ven, 19/10/2012 - 19:30

Un total de 74 proxectos editoriais recibirán as axudas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a promoción do libro galego a través da tradución. O obxectivo desta liña de subvencións da  Secretaría Xeral de Cultura, dotada cun total de 168.000 euros na convocatoria de 2012-2013, é favorecer tanto a difusión da literatura galega a outras linguas como a versión en galego de autores foráneos.

A relación de beneficiarios destas axudas á produción editorial para apoiar a promoción, produción e edición do libro galego a través da tradución son Edicións Positivas, Editorial Danú, Editorial Galaxia, Urco Editora, a Fundación Vicente Risco, Kalandraka Editora, a editorial Xoán Antón Lado Lago, Edizer, Rinoceronte Editora, Small Stations Press, Editorial Bubela, Trymar e Tándem Edicións.

Proxectos editoriais

A convocatoria de axudas conta cunha primeira modalidade de tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, a través da que recibiron axudas un total de 50 proxectos editoriais. Entres estes proxectos inclúense obras de autores como Arthur Rimbaud, James Joyce, Lovecraft, Oscar Wilde, Moliere, Peter Farkas, Jean Grave, Raquel Ricart, Yves Pinguilly, Alessandro Baricco, Jacqueline Kelly ou Ana María Machado.

Na segunda modalidade, os proxectos editoriais subvencionados para seren vertidos do galego a outras linguas foron un total de 24, entre os que se inclúen Aire negro, de Agustín Fernández Paz; O porco de pé, de Vicente Risco; Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso; Vidas post-it, de Iolanda Zúñiga, Shakespeare destilado, de Xesús Constenla; ou a poesía completa de Lois Pereiro. A difusión destes títulos faise a través de idiomas como o castelán, o búlgaro, o catalán, o alemán o italiano ou o xaponés.

A tradución no mercado editorial galego

Nos últimos anos, as editoriais galegas veñen facendo unha aposta pola tradución ao galego de obras escritas orixinariamente noutras linguas e, ao mesmo tempo, veñen editando algúns dos seus títulos en galego a outros idiomas, favorecendo deste xeito a promoción e posta en valor das autoras e dos autores galegos no mercado internacional.

O pasado ano, a edición en galego de traducións supuxo unha porcentaxe do 27,1% (un total de 577 títulos), segundo os datos que se desprenden do Panorámica de la edición española de libros 2011. Esta cifra reflicte a crecente importancia da tradución no mercado editorial galego e foi valorada pola Asociación Galega de Editores como a maior das dúas últimas décadas.

Actuacións para favorecer a tradución

Esta liña de subvencións á tradución promovida pola Xunta de Galicia constitúe un impulso imprescindible para que os escritores e escritoras en galego poidan difundir e exportar a súa obra, traducida a outras linguas. Así mesmo, favorecen que textos significativos producidos no exterior estean tamén dispoñibles na nosa comunidade e en lingua galega.

Para avanzar nestes obxectivos, a Secretaría Xeral de Cultura promove outras iniciativas baseadas na proxección da literatura galega a través da tradución, entre as que se inclúen a posta en marcha do portal web da literatura galega en inglés Portico of Galician Literature (www.galicianliterature.com), a colección Galician Classics ou a colaboración con entidades de referencia no ámbito da tradución como a Asociación de Tradutores Galegos.

Menús News node R

Tema