Política Lingüística desenvolveu unha sesión informativa sobre a nova orde de axudas a entidades locais para promover o galego

O obxectivo da xornada, dirixida a todos os concellos galegos, foi incidir nas principais novidades desta convocatoria respecto das anteriores

Xov, 29/04/2010 - 17:07
Cristina Rubal, e Anxo Lorenzo
A subdirectora de Planificación e Dinamización Lingüística, Cristina Rubal, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo

Estender a promoción do galego a todo o territorio de Galicia. Ese é o obxectivo fundamental no que se enmarca a nova orde de subvencións que vén de publicar a Secretaría Xeral de Política Lingüística para fomentar o uso do galego desde o ámbito local.

Así o indicou hoxe o responsable do departamento, Anxo Lorenzo, na sesión informativa dirixida aos concellos que tivo lugar na EGAP. O obxecto da xornada foi incidir nas principais novidades desta orde respecto das convocatorias anteriores. Unha orde de subvencións que destina 602.668 euros a fomentar a prestación dun servizo lingüístico nos concellos e o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.

Priorización para os concellos pequenos que se presenten agrupados

Anxo Lorenzo, que estivo acompañado pola subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, Cristina Rubal, indicou que un dos aspectos máis innovadores da orde é que “persegue unha intervención lingüística que penetre en todo o territorio galego”. Neste sentido, o secretario xeral destacou que en Galicia predominan os municipios cuns índices de poboación reducidos que non poden dar en solitario todos os servizos que precisa a cidadanía. Por iso a nova orde vai priorizar na adxudicación de axudas aqueles concellos pequenos que se presenten de maneira agrupada”.

A diferenza da situación que se viña dando ata o de agora, poderán optar ás axudas de Política Lingüística aqueles concellos que, individualmente ou agrupados, acaden unha poboación igual ou superior a 3.000 habitantes.

Definición das tarefas dos servizos lingüísticos e do perfil dos técnicos

Outro dos principais aspectos da nova convocatoria de axudas refírese á necesidade de contar con profesionais da dinamización da lingua nas contratacións que se subvencionen. Segundo explicou Anxo Lorenzo, “a orde define un perfil de formación á hora de dotar de persoal técnico un servizo lingüístico e, sobre todo, o que é máis importante, unha clara especificación das tarefas que lle corresponden a ese persoal técnico”.

A dinamización da lingua galega, un traballo compartido

O responsable de Política Lingüística incidiu na idea de que “esta nova orde de subvencións é, sobre todo, un primeiro paso para o comezo dun traballo compartido entre as diferentes entidades que temos competencia institucional na promoción da lingua”.

Neste obxectivo enmárcase a futura Rede de dinamización lingüística, que aparece mencionada na orde e que está previsto que bote a andar a finais deste ano. “O obxectivo prioritario deste proxecto –indicou o secretario xeral– é constituír un espazo no que compartir información, formación e recursos para avanzarmos conxuntamente na proxección social da lingua galega”, apuntou o secretario xeral.

Finalmente, Anxo Lorenzo destacou a Rede de dinamización lingüística como un proxecto no que o seu departamento está a poñer moito esforzo e que, “coa implicación das entidades que pouco a  pouco se vaian sumando, se logrará unha maior proxección do galego na sociedade”.

Prazo de presentación de solicitudes

As entidades locais que desexen optar á orde de subvencións poderán formalizar a súa solicitude no modelo que aparece como anexo á resolución que se publica o 22 de abril no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Tamén se pode acceder ao modelo de solicitude a través da web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega, ou no portal dos concellos Eido Local, www.eidolocal.es/portal.

O prazo de presentación de solicitudes, que está aberto desde o pasado 23 de abril, remata o próximo día 22 de maio.

Menús News node R

Departamento