As aplicacións web 2.0 ofrecen múltiples posibilidades para potenciar a dinamización do galego nos centros educativos

O V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino retomou esta tarde a súa programación incidindo nas vantaxes das TIC para promover a lingua galega
Mar, 27/04/2010 - 19:26

O V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, retomou esta tarde a súa programación na Coruña e en Vigo incidindo nas vantaxes que ofrecen as aplicacións web 2.0 para desenvolver actividades de dinamización lingüística nos centros de ensino. Trátase, en concreto, de Drupal, como espazo colaborativo; de Moodle, como contorno virtual de ensino e de aprendizaxe; e de Coppermine, como galería de imaxes e de vídeos.

O obxectivo das sesións Web 2.0 e a dinamización da lingua non é dar a coñecer con profundidade estas aplicacións, senón comprobar o seu potencial na dinamización da lingua galega nos centros educativos a través de casos concretos, co fin de sacarlles o máximo rendemento.

O proxecto Webs Dinámicas

As aplicacións web 2.0 permiten conectar dun xeito rápido e eficaz a toda a comunidade implicada na dinamización lingüística. Así, por exemplo, procesos comunicativos e de colaboración tradicionais, que podían ocupar moito tempo e esforzo, convértense en pequenas actuacións que poden chegar a un número moito maior de membros da comunidade educativa.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pon a disposición dos centros que o soliciten estas aplicacións a través do seu proxecto Webs Dinámicas. En primeiro lugar, Coppermine ofrece múltiples posibilidades para a creación de galerías de imaxes e de vídeos. En canto a Drupal, con esta aplicación pódese crear e configurar –dun xeito moi doado– un espazo web onde os usuarios rexistrados poden realizar as súas publicacións de contidos multimedia: artigos, historias, imaxes, vídeos, son etc. Finalmente, Moodle, como aplicación educativa, está especialmente deseñada para a interacción entre os membros da comunidade escolar.

Iniciativas pioneiras en dinamización lingüística

Outro dos obxectivos deste seminario que organiza Política Lingüística é a divulgación de experiencias pioneiras en dinamización lingüística que se están a desenvolver nos centros de ensino galegos. Na cidade de Lugo, as sesións desta tarde están centradas en dous proxectos de fomento do uso do galego. Por unha banda, a iniciativa Galegos e galegas de aquí e de acolá –do CEIP A Pedra, de Bueu–, un dos premios á innovación en normalización e dinamización lingüística deste ano. Por outra, o proxecto Derrubando os muros das aulas: a radio escolar, do IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas.

Aproveitar as vantaxes das TIC para dinamizar a lingua galega

Este ano, o Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino –dirixido ao profesorado, en xeral, e aos membros e coordinadores dos equipos de dinamización e normalización lingüística, en particular– centra a súa temática nas vantaxes das TIC para fomentar o uso do galego nos centros educativos.

O seminario, que comezou o pasado 20 de abril nas cidades da Coruña, de Vigo e de Lugo, prolongarase nestas mesmas localidades ata o próximo xoves. En maio chegará ás cidades de Ourense, Pontevedra, Ferrol e Santiago de Compostela.

O programa completo pode consultarse a través da web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en http://www.xunta.es/linguagalega/v_seminario_de_dinamizacion_linguistica