A consellería de Educación organiza o Segundo Encontro de Profesores de Educación Primaria, en Santiago de Compostela

O acto, inaugurado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira

Ven, 23/04/2010 - 18:11

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, inaugurou esta tarde o II Encontro de Profesores de Educación Primaria, no Pazo de Congresos de Santiago. O acto, que se celebra hoxe e mañá, congrega a máis de cincocentos profesores desta etapa educativa.

Durante a súa intervención Mira dixo aos asistentes que “tedes unha gran diversidade nas aulas e para dar resposta a esta precisades unha flexibilidade metodolóxica, co fin de que todo o alumnado adquira novos e complexos coñecementos, e saiba aplicalos correctamente”. O director xeral recordoulles ademais que “o profesorado de ensino primario sodes a peza clave nesta construción, porque con vós aprenden de todo: a comprender a lectura e o habito de ler, a busca de información, a capacidade de expresión oral e escrita, e xunto a isto numerosos valores válidos e esenciais para a vida”.

A formación de docentes

O encontro versou en torno á actualización na formación dos docentes, especialmente no relativo á avaliación de diagnóstico e promoción do profesorado. Deste modo a xornada de hoxe comezou coa intervención da presidenta da Asociación Pedagóxica Francesco Tunucci, Mar Romera Morrón co relatorio ‘Programas con tres Cs: Capacidade, Competencia e Corazón’. O día de hoxe pechouse coa conferencia ‘A avaliación de diagnóstico’, na que participaron a subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Carme Cimadevila; a xefa de Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Marina Armada; e a Asesora de Avaliación, Concepción García; todas elas traballadoras da Consellería de Educación.

O encontro continuará mañá coa conferencia ‘A programación de aula por competencias’, cos representantes do Centro de Formación e Recursos de Ourense e  do CEIP de Ourense, Antonio Bello e Pura Álvarez, respectivamente. A continuación o relatorio ‘A titoria no proceso educativo’, impartido polo técnico docente, Manuel Rey Fernández. A mañá rematará coa exposición do mestre do CEIP Doutor Fleming de Vigo, Jesús Novas, que relatará a súa experiencia como docente no centro.

Pola tarde a conferencia ‘Tres veces tres, e o por qué vou ao colexio’, do catedrático da Universidade de Granada, Rafael Pérez Gómez. O encontro rematará co a actuación de Pepe Sendón co ‘O alfabeto musical’.