Os máis de 200.000 empregados de Telefónica en todo o mundo poderán aprender galego a través de cursos en liña

Trátase do proxecto Glossa, que presentaron hoxe o director territorial de Telefónica en Galicia e Asturias e o responsable de Política Lingüística

Ven, 23/04/2010 - 18:01
Momento da presentación
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o director territorial de Telefónica en Galicia e Asturias, Ignacio Aller; e o xefe de Recursos Humanos de Telefónica en Galicia, Luis Enrique Vázquez (de esquerda a dereita)

O director territorial de Telefónica en Galicia e Asturias, Ignacio Aller, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, manifestaron hoxe en Santiago a súa vontade de seguir explorando novas accións que contribúan a promover o uso da lingua galega nos servizos que ofrece a compañía de telecomunicacións.

O secretario xeral e o director territorial, acompañados do xefe de Recursos Humanos de Telefónica en Galicia, Luis Enrique Vázquez, fixeron hoxe estas declaracións durante a presentación do proxecto Glosa, unha plataforma de formación en liña desenvolvida pola compañía a través da que todos os seus empregados –máis de 200.000 persoas en 23 países– terán a posibilidade de aprender galego, entre outras moitas accións de promoción do idioma.

Segundo manifestou Ignacio Aller, “Glossa é un exemplo máis do compromiso de Telefónica con Galicia e co seu idioma”, e comprometeuse a seguir traballando coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través de Política Lingüística na identificación de posibles accións de promoción do uso do galego. Esta vontade de cooperación traducirase na sinatura dun convenio entre ambas as entidades para promover o uso do galego nos servizos que ofrece a compañía de telecomunicacións, segundo informou Anxo Lorenzo.

Durante a súa intervención, o secretario xeral tamén fixo fincapé na necesidade de impulsar a oferta formativa para mellorar a competencia en lingua galega da sociedade. Así mesmo, Anxo Lorenzo incidiu na importancia de colaborar coas empresas operadoras para que lle ofrezan os seus servizos á cidadanía en galego, así como na “necesidade de conectar a lingua galega aos avances que se producen nas novas tecnoloxías”, por tratarse dunha estratexia clave para garantir o futuro do idioma e a vixencia da utilidade do galego.

O proxecto Glossa

Os cursos do proxecto Glossa arrancan desde o nivel A1 ata o A2 do Marco común europeo de referencia para as línguas, e inclúen leccións organizadas por seccións e multitude de actividades e contidos (audios, vídeos, exercicios…) que rematan cunha unidade final de revisión e consolidación. Ademais, o director territorial de Telefónica lembrou que a compañía xa dispón de distintos servizos en galego, como facturas e atención ao cliente, e ademais foi “a primeira en negociar cos grandes fabricantes para que os galegos que o quixesen puidesen dipoñer de terminais con menús no seu idioma”. Na actualidade, Telefónica oferta máis de 100 terminais con menú en galego e a maioría delas inclúe tamén dicionario.

Telefónica en Galicia: máis de 5.000 empregos  e 1.000 millóns de investimento

O acto de presentación do proxecto Glossa serviu, ademais, para reafirmar por parte do director territorial de Telefónica a galeguidade da compañía, que emprega directamente en Galicia 2.758 persoas, ás que se suman os 2.570 empregos indirectos de empresas que traballan en exclusiva para a compañía. En total, os empregos de Telefónica en Galicia, que desde 2005 investiu máis de 1.000 millóns de euros no territorio, supoñen o 26% de todo o emprego TIC galego. Esta actividade achega 15 millóns de euros en impostos autonómicos e supón por si soa o 1,7% do PIB galego.

Menús News node R