Cultura e Educación convocará 75 axudas para que o persoal doutor complete a súa formación na etapa posdoutoral no estranxeiro e se incorpore á universidade galega ao seu retorno

A Consellería investirá máis de 6,6 millóns de euros para apoiar á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015

É a primeira convocatoria deste tipo dentro do Plan I2C

Desta forma dáse continuidade ao labor científico que os investigadores están a desenvolver mellorando a súa formación a través de procesos de internacionalización e posibilitando a súa posterior volta a Galicia

Mar, 16/10/2012 - 18:31

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o aprobado polo Consello da Xunta, convocará 75 axudas do Programa de apoio á formación inicial da etapa posdoutoral, para as universidades galegas, no marco do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2012, para o que investirá máis de 6 millóns e medio de euros na convocatoria de axudas

A convocatoria, que se levará a cabo neste mesmo mes, supón a primeira deste tipo dentro do Plan I2C e, a pesar do actual contexto de dificultades, amplía o número de axudas con respecto ao antigo Plan INCITE, e desenvolverase en dúas modalidades diferenciadas.

Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia fomenta que as universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) contraten persoal doutor co obxecto de mellorar a súa formación a través de procesos de internacionalización e posibilitando, ademais, o seu reingreso nunha universidade do SUG cun ano máis de contrato.

Dada a complexidade do programa creouse un grupo de traballo entre a Secretaría Xeral de Universidades e as tres universidades galegas que traballaron conxuntamente nas liñas básicas que permitiron acadar un consenso entre os diferentes intereses e necesidades, que fai posible esta convocatoria.

Requisitos, contía e financiamento

A consellería convocará axudas en dúas modalidades. Nunha delas, a consellería financiará un máximo de 50 axudas cunha retribución bruta anual variable en función dos países onde o persoal doutor desenvolva as súas estadías. Nos dous anos de estadía a dotación mínima do programa oscilará entre os 34.000 euros e os 40.000 euros, para cada unha das axudas en función dos países de destino. No ano de contrato retorno a retribución equipárase coa dos investigadores en activo do Programa Isidro Parga Pondal e supón un total de 35.200 euros por axuda outorgada. Nestas cantidades está incluído un seguro de accidentes, responsabilidade civil e cobertura médica de cada unha das persoas seleccionadas nos períodos de permanencia fóra do país.

Poderán solicitar estas axudas as universidades do SUG que presenten aspirantes e contraten este persoal doutor por un período de tres anos para a súa formación especializada no estranxeiro e nas propias universidades. Cómpre salientar que todo o período se desenvolverá baixo a modalidade de contrato segundo o solicitado á consellería polas tres universidades.

Na outra modalidade poderanse conceder un máximo de 25 axudas dirixidas a persoal investigador do Programa Ángeles Alvariño do ano 2008 do Plan INCITE, que remataron o seu contrato a finais do ano 2011 e que non puideron optar a unha continuidade da súa traxectoria investigadora posdoutoral no ámbito autonómico. Nesta modalidade financiarase un máximo dun ano nunha universidade do SUG cun máximo de 35.200 euros por cada axuda.

Debido ao complexo dos trámites, as universidades, xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, están a anticipar desde o mes de agosto os requisitos mínimos para que os candidatos que as propias universidades presenten dispoñan do tempo necesario para xestionar os permisos e acordos necesarios cos centros do estranxeiro nos cales pretenden desenvolver os períodos de estadía. Esta información está ao dispor dos interesados nas diferentes universidades.

Control de calidade

Os seleccionados, no contexto deste programa, deberán superar un proceso de avaliación intermedio e outro final de acordo con criterios de excelencia científica que, no caso de que o superen, os habilitará para acceder a unha segunda fase de axudas posdoutorais de dous anos de contrato nunha universidade galega para continuar coa súa formación e permitir a reversión na Comunidade Autónoma do investimento realizado no seu día e do capital de coñecemento adquirido.

A convocatoria desta axudas permite manter a aposta da Xunta de Galicia polos recursos humanos ligados ao Sistema Galego de I+D+I, unha iniciativa que se está a ver reforzada no seo do Plan galego de investigación, innovación e coñecemento 2011- 2015 (I2C)

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza