O director xeral de Centros e Recursos Humanos de Educación inaugura a biblioteca escolar do CPI dos Dices, en Rois

José Manuel Pinal visitou as instalacións, que se beneficiaron do plan de bibliotecas escolares, a través do que recibiu 3.000 euros

Xov, 22/04/2010 - 18:20

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, inaugurou hoxe a nova biblioteca escolar do CPI dos Dices, en Rois (A Coruña).

A Consellería de Educación participou no equipamento do recinto cunha achega de tres mil euros que o centro obtivo como recoñecemento a todos os seus esforzos a través da súa participación no Plan de mellora de bibliotecas escolares. A achega da Consellería foi destinada a mercar fondos bibliográficos, mobiliario, e a cubrir gastos de funcionamento.

Durante a súa intervención, o director xeral de Centros recordou que esta apertura é un síntoma máis de que “a comunidade educativa está sensibilizada coa lectura e mellora dos recursos para a aprendizaxe”. José Manuel Pinal sinalou que para que os estudantes se beneficien deste espazo é preciso “un esforzo organizativo”, ao que se debe engadir un labor creativo que dea resposta ás necesidades do estudantes dos centros escolares. Así mesmo,  destacou que ”todo isto é o froito da profesionalidade e o bo facer do profesorado e do persoal de bibliotecas”.

Con esta inauguración o centro, coa colaboración da Consellería, reorganiza e distribúe os recursos nesta nova biblioteca, que é necesaria para que alumnado se forme no uso das distintas fontes informativas, para achegarse ao mundo da cultura e medrar como lecturores. O programa de bibliotecas escolares da Consellería de Educación inclúe accións a través do Plan de Mellora de Bibliotecas, pero tamén atende ao conxunto destes recintos.

Durante a inauguración estiveron presentes o director do centro escolar, Rodrigo Costoya Santos; o primeiro tenente de alcalde, Manuel dos Santos, e a concelleira de Educación Victoria Quiroga Ramallo.