Edítase o primeiro manual con documentación xurídica en galego para facilitar o labor da Administración de Xustiza nesta lingua

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a EGAP presentaron hoxe a publicación, que tamén actualiza o anterior Manual básico de documentos administrativos
Mar, 20/04/2010 - 17:47
Na imaxe, o director da EGAP, Pablo Figueroa, e o secretario xeral de Política L
Na imaxe, o director da EGAP, Pablo Figueroa, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Pablo Figueroa, presentaron hoxe o Manual básico de documentación administrativa e xurídica, unha publicación que recolle por vez primeira modelos de documentación xurídica en galego para facilitar e promover o labor dos profesionais da Administración de Xustiza nesta lingua.

Esta nova publicación, que tamén actualiza na primeira parte o anterior Manual básico de documentos administrativos en galego, establece modelos que pretenden servir de guía orientativa e clarificadora para o persoal da Administración.

O Manual básico de documentación administrativa e xurídica, elaborado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa EGAP, pretende, segundo destacou Anxo Lorenzo, “impulsar a modernización da lingua administrativa e xurídica galega, ao tempo que incide na creación de novos recursos técnicos en galego que garantan a máxima calidade do traballo da Administración”. Do mesmo xeito, engadiu o secretario xeral, “o manual constitúe unha nova ferramenta para favorecer a formación en galego do funcionariado da Administración autonómica e de xustiza”.

Colaboración para ampliar os espazos de uso do galego

O secretario xeral tamén destacou que a elaboración deste manual responde á permanente colaboración que manteñen Política Lingüística e a EGAP, no marco da que se organizaron en 2009 30 cursos de linguaxe administrativa galega e que este ano ascenderán a un total de 33.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén colaborando tamén con outras entidades para ampliar os espazos de uso do galego en ámbitos tan importantes como o da xustiza, como a Dirección Xeral de Xustiza, o Colexio de Avogados de Santiago, o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas ou a Fiscalía Xeral do Estado.

Catro grandes bloques de contidos

O Manual básico de documentación administrativa e xurídica –do que se editaron 3.000 exemplares e que tamén estará dispoñible na web de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega– estrutúrase en catro grandes apartado. En primeiro lugar, recóllese unha guía rápida para a redacción administrativa e xurídica, concibida como unha lista de consellos para mellorar a redacción dos textos. O segundo e o terceiro apartado conteñen, respectivamente, modelos comentados de documentos administrativos e de documentos xurídicos. Finalmente, o bloque que pecha o libro é o da bibliografía seleccionada, unha oferta de obras impresas e dixitais de interese para ampliar a formación e recursos útiles para o asesoramento persoal.

Menús News node R

Departamento

Colectivo