A Xunta de Galicia promove o uso do galego entre o empresariado como lingua de negocios no mundo
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá a campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo”, posta en marcha pola Federación Galega de Parques Empresariais en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación
A campaña ten como obxectivo concienciar o empresariado galego de que a nosa lingua é unha vantaxe competitiva nos países da Lusofonía
A Xunta de Galicia presentou esta mañá a campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo”, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitarua, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e posta en marcha en colaboración coa Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE). O obxectivo principal desta campaña é concienciar o empresariado galego de que a nosa lingua é unha importante ferramenta de internacionalización e unha vantaxe competitiva nos países de fala portuguesa.
Ao acto, que tivo lugar no Centro Neural de Torneiros, no Porriño, asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o secretario xeral da FEGAPE, David Sobral; o alcalde do Porriño; e o empresario vigués Alfonso Paz-Andrade. García Gómez animou os empresarios e empresarias a introduciren e empregaren a lingua galega nos seus negocios “porque o galego é unha oportunidade, o vínculo que nos conectacon novos espazos e novos mercados, nomeadamente mercados emerxentes de fala portuguesa como o Brasil ou Angola, onde o empresariado galegoten enormes vantaxes fronte a outros colectivos grazas á nosa lingua propia.”
Para García Gómez unha das vantaxes do empresariado galego é que “polo feito de falar a lingua galega xa posúen uns coñecementos que lles facilitará introducirse en mercados de gran relevancia. Só coidando e mellorando un chisco o seu galego poden desenvolver unha estratexia que lles permita introducirse nese enorme espazo económico, social e cultural que é a Lusofonía; non só pola proximidade lingüística entre galego e portugués, senón tamén polos códigos da cultura tradicional galega que transmiten información facilmente recoñecible para os máis de 200 millóns de falantes de portugués que hai no mundo.”
A lingua galega como valor empresarial
A novidade desta campaña dirixida ao empresariado galego é que se basea en datos económicos e obxectivos que mostran que a utilización do galego é un valor rendible para o empresariado. A campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo” pretende servir como alicerce para que as empresas non perdan de vista un mercado que representa segundo datos do ICEX España Exportación e Inversións case o 20% dos 12 000 millóns de euros que a economía galega exportou ao exterior no ano 2011.
Os países lusófonos son tradicionalmente unha saída natural para as empresas galegas, por iso a nova campaña da Secretaría Xeral de Política Lingüística incide en valorizar un coñecemento que o noso empresariado xa posúe, coidándoo e póndoo en valor para tirarlle todo o rendemento posible nas relacións internacionais, facilitando a introdución das empresas galegas en mercados de grande relevancia, e, á vez, axudando a fidelizar mercados xa coñecidos grazas a unha mellor atención e comprensión mutua.
Os materiais que forman a campaña, 1500 carteis e 10 000 dípticos informativos, distribuiranse entre as entidades pertencentes á FEGAPE e outras entidades galegas de interese económico. Estes materiais xa se poden consultar e descargar dende a páxina institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.xunta.es/linguagalega/galego_chave_negocios).
Valentín Paz-Andrade, pioneiro na proxección internacional do galego
O empresario Alfonso Paz-Andrade, fillo do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano 2012, recordou a figura de seu pai, Valentín Paz-Andrade, como un dos primeiros intelectuais e empresarios galegos que proxectaron Galicia a nivel internacional e que falaron da nosa lingua como nexo de unión e de comunicación cos países da Lusofonía. Este ideario plasmouno o exitoso empresario da industria pesqueira nos seus textos, nomeadamente na obra Galicia como tarefa.
Oportunidades de negocio na Lusofonía
O acto de presentación da campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo” completouse cos relatorios “Lusofonía. Lugar de oportunidades para os galegos” e “Angola, actuais perspectivas económicas”. Na primeira das exposicións profundouse nas oportunidades de negocio para os galegos e as galegas nos países de fala lusa, mentres que no segundo relatorio analizáronse as oportunidades de negocio para o tecido empresarial galego en Angola, nación africana cunha economía emerxente.