Coa creación dunha nova sección da Escola Oficial de Idiomas de Ourense, Cultura e Educación pon a disposición da cidadanía 210 prazas máis para ensinanzas de inglés

Sáb, 29/09/2012 - 12:35

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria porá a disposición da cidadanía 210 prazas máis para cursar ensinanzas de inglés coa creación dunha nova sección da Escola Oficial de Idiomas de Ourense, que se ubicará no IES Eduardo Blanco Amor.

Coa creación desta nova sección, o departamento educativo da Xunta de Galicia dá resposta ao interese crecente pola aprendizaxe de idiomas na cidade das Burgas. De feito, ofertaranse 7 grupos de inglés en quenda de tarde, o horario máis demandado polos usuarios das escolas oficiais de idiomas.

Esta nova oferta vén complementar ao reforzo que xa se deu a esta escola coa creación de dúas novas seccións nos concellos de Ribadavia e Celanova, con 180 novas prazas de inglés nos niveis básico e intermedio. Ademais, a EOI de Ourense oferta este curso por primeira vez 120 prazas no primeiro curso de chinés, dando así resposta á crecente demanda por aprender esta lingua.

Deste xeito a Consellería continúa a favorecer o acceso ás ensinanzas de linguas estranxeiras, de acordo á demanda das galegas e galegos de cursalas para acadar habilidades lingüísticas óptimas nunha ou varias linguas estranxeiras, no marco dunha realidade globalizada, dunha Europa plurilingüe e dunha contorna profesional cada vez máis competitiva.