Cultura e Educación garante a igualdade de oportunidade para cursar estudos universitarios abrindo unha nova liña de bolsas de matrícula, á cal destinará 583.200 euros

O alumnado manterá o dereito a matrícula gratuíta acadando un 5 nas probas de acceso ou superando as mesmas porcentaxes de créditos que no curso 2011-12

Desta forma o departamento educativo da Xunta de Galicia reforza o seu apoio ás alumnas e alumnos do Sistema universitario de Galicia, que xa é o que conta coas taxas de matrícula máis baixas do Estado

Xov, 27/09/2012 - 17:22

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volverá dar nas vindeiras semanas un novo impulso ás políticas sociais que ten posto en marcha para facilitar o acceso aos estudos universitarios en igualdade de oportunidades a todas as alumnas e alumnos.

Para iso, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad destinará 583.200 euros á convocatoria dunha nova de axudas - complementaria ás outorgadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte- grazas á que todo o alumnado que acredite os niveis de renda correspondentes teña dereito á exención completa de matrícula, sempre que cumpra os requisitos académicos exixidos no curso 2011-12. Así, os estudantes universitarios galegos manterán o dereito a matrícula gratuíta acadando un 5 nas probas de acceso ou superando as mesmas porcentaxes de créditos que no curso 2011-12.

Con esta iniciativa o departamento educativo da Xunta de Galicia asegura a igualdade de oportunidades no acceso ao Sistema universitario de Galicia (SUG) para todos aqueles estudantes que puideren verse afectados polo incremento de requisitos académicos no acceso ás bolsas universitarias. Trátase, ademais, dun novo compromiso adquirido pola Consellería de Cultura e Educación cos universitarios que cursan os seus estudos no SUG, que xa conta coas taxas máis baixas do Estado.

De feito, neste momento Galicia é a única comunidade autónoma de España que pon en marcha unha liña de axudas destas características a prol do alumnado universitario.

Requisitos

En total, segundo o informe analizado hoxe polo Consello da Xunta, estímase que esta liña de axudas beneficiará unhas 900 alumnas e alumnos do SUG, facilitando que inicien ou continúen os seus estudos independentemente das súas circunstancias económicas.

Para optar a esta liña de axudas, as alumnas e alumnos de primeiro curso deberán ter unha cualificación na proba de acceso á universidade (PAU), con exclusión da fase específica, superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos. Ademais, deberán estar matriculados nunha universidade do SUG, no curso académico 2012-2013, nun mínimo de 60 créditos; e non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para que solicitan axuda. No caso do alumnado de segundo e posteriores cursos, para poderen solicitar a axuda será necesario que fosen bolseiros do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no curso 2011-2012, e que no 2012/2013 estean matriculados nun mínimo de 60 créditos.

No caso dos requisitos académicos, será necesario que teñan superado entre o 60% e o 65% dos créditos en que se matricularon no curso anterior tratándose de estudos pertencentes á rama de coñecemento de ensinanzas técnicas (enxeñaría ou arquitectura) ou entre o 80% e o 85% si se trata de ensinanzas da rama de artes e humanidades ou de ciencias sociais e xurídicas.

No que atinxe á renda, para ter dereito á bolsa os limiares máximos serán os mesmos que para a convocatoria de bolsas do Ministerio, é dicir 11.937 euros para familias de un membro, 19.444 euros para as de dous membros, 25.534 euros para as de tres, 30.287 euros para as de catro, 34.370 no caso de cinco membros, 38.313 para as de seis, 42.041 nas de sete membros e 45.744 para as de oito. A partir do oitavo membro engadiranse a estes limiares 3.672 euros por cada novo membro computable da familia.

Menús News node R