A Xunta de Galicia incrementou nun 2,8% a súa achega ás universidades galegas e ao CIXUG a través de convenios no primeiro semestre de 2012

As Consellerías asinaron acordos por un importe superior aos 2,4 millóns de euros

O maior número de accións corresponde á realización de másters oficiais que melloren a calidade da oferta académica do sistema universitario galego

Xov, 27/09/2012 - 17:15

A Xunta de Galicia asinou no primeiro semestre de 2012 un total de 52 convenios coas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e co Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), o que supuxo unha achega de máis de 2,4 millóns de euros, un 2,8 superior á do mesmo período do ano 2011.

Así o reflicte o informe analizado hoxe polo Consello da Xunta, emitido segundo o disposto na cláusula 5ª do acordo polo que se aproban as instrucións para a coordinación das achegas económicas e investimentos da Xunta de Galicia nas universidades galegas, así como en calquera tipo de fundacións, sociedades ou entidades dependentes das universidades, calquera que sexa a figura xurídica.

Desta forma, e malia a crise económica, as consellerías reforzan o seu apoio á actividade realizada no Sistema Universitario de Galicia, no marco do compromiso do Goberno galego coa construción dun futuro para Galicia baseado nos piares do coñecemento, a investigación e a innovación.

Accións respaldadas

O maior número de accións asinadas no primeiro semestre do ano corresponden á realización de másters oficiais que melloren a calidade da oferta académica do sistema universitario galego, en concreto 22, o 42,31% do total. Ségueno os convenios para o apoio a accións sociais, culturais, deportivas ou de voluntariado (18), financiamento de investigacións que se consideren urxentes ou de especial interese (7), apoio ao mantemento, reforma e adaptación das infraestruturas científico-tecnolóxicas (4), e inserción laboral (1).

Por número de convenios asinados destacan Traballo e Benestar (18), Sanidade (8) e Presidencia da Xunta de Galicia (8). Tamén asinaron acordos coas universidades as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (7), a de Economía e Industria (6), a de Mar e Medio Rural (3), a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.